O delegado lembra que o 26 de xaneiro caducan os permisos de conexión duns parques “vitais para a industria galega” e pide “responsabilidade”
“Xa estamos no tempo de desconto”, apremia José Miñones, que lembra que o Goberno xa lle concedera dúas prórrogas previamente á Xunta e, a pesar diso, aínda non cumpriron coas súas obrigas. Os informes enviados polo goberno autonómico para estes parques non eran válidos, e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) continúa á espera tras dúas reiteracións de solicitude –a última, o pasado 14 de decembro-.
“O Ministerio e os técnicos están completamente volcados con este tema, xa que somos moi conscientes da relevancia destes parques para Galicia, pero pedimos seriedade para obter unha resolución favorable cun traballo conxunto e lealdade institucional”, afirma. “De nada serve promulgar declaracións de excepcionalidade se despois non se fai o traballo”, remata.