Burela, 17 de decembro, 2022. Este venres 16 ás 20.30 da tarde en Burela tivo lugar a presentación do novo local cultural alternativo Lagañatattoo e, á vez, do novo libro da mediática Raquel Graña, “Vivir siendo libre. Una historia que sentirás como si fuera tuya”, coa colaboración de Librería Nobel e da Fundación Imdecum. Con prácticamente todas as cadeiras ocupadas, Héctor Manasé comezou presentando o seu novo proxecto, Lagañatattoo, un lugar diferente onde a arte se poderá desfrutar e adquirir en moitas das súas formas, dende tatuaxes ata literatura, pasando por exposicións de todo tipo que xa se poden ver se visitamos o novo local do polifacético artista burelés.
Posteriormente Raquel Graña presentou a súa nova novela erótica, unha historia que contén moitos tintes de autoaxuda á vez que te sumerxe nas vivencias de tres personaxes que ben poderían ser reais, mesturando diferentes formatos literarios dunha forma moi atractiva para o lector. Finalmente pasouse á firma de libros e ao habitual reparto de bombóns da escritora, mentres os asistentes puideron pasar un rato agradable conversando e curioseando o atractivo local de Héctor Manasé.