O líder dos socialistas galegos sinala que “as conversas van polo bo camiño” co Ministerio responsable da Pesca para apoiar aos máis de 1.000 mariñeiros afectados
O responsable socialista salientou que o reparto de cotas “penaliza claramente” á pesca do xurelo, que é “base e sustento económico do sector de cerco de Galicia”, da que viven 67 barcos e máis de mil mariñeiros. Apunta que o novo reparto “non lles da nin para pagar os mínimos custes de supervivencia económica”, e defendeu un paro temporal con axudas que permita “dalgunha maneira” o sustento do sector.
Pediu así apoio a mariñeiros e armadores no tránsito entre a campaña actual, afectada polas novas cotas, e a mellora do reparto na campaña de 2024 no que xa traballan “de forma intensa” tanto o Ministerio como os representantes do sector. Emprazou a “darlle soporte a todo o sistema social e económico” que depende do cerco para chgar á próxima campaña.
O secretario de Acerga, Alberto Castro, emprazou tanto á Xunta como á Secretaría Xeral de Pesca a conceder un paro temporal de entre 2 e 3 meses que lle permita á flota subsistir ata a apertura das campañas da xarda e da anchoa. Sinalou que as conversas co goberno central van “polo bo camiño” e lembrou a existencia de “baremos establecidos sobre pagas temporais” para estes paros obrigados.
Así o dixeron logo dun encontro entre o PSdeG e Acerga, no que tamén participaron a secretaria de Pesca e portavoz de Pesca do PSdeG no Parlamento de Galicia, Patricia Otero, o deputado no Congreso Diego Taibo, a alcaldesa de Betanzos e vicepresidenta da Fegamp, María Barral, o secretario provincial de A Coruña, Bernardo Fernández, e o secretario provincial de Pesca, Walter Pardo.
Accidente de autobús
O responsable socialista comezou a intervención de hoxe trasladando as condolencias en nome de tódolos socialistas galegos ás familias dos falecidos no accidente de autobús en Cerdedo – Cotobade, no que foi un “día tráxico para Galicia”.