O líder dos socialistas galegos sinala que “as conversas van polo bo camiño” co Ministerio responsable da Pesca para apoiar aos máis de 1.000 mariñeiros afectados
Sada, 26 de decembro de 2022. O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, saíu hoxe en defensa do sector de cerco de Galicia, afectado pola perda de cota na pesca do xurel, e pediu a implicación do goberno galego para aplicar un paro biolóxico temporal con axudas para chegar á campaña da xarda e da anchoa. Formoso mantivo un encontro cos responsables da Asociación de Cerco de Galicia -Acerga-.
O responsable socialista salientou que o reparto de cotas “penaliza claramente” á pesca do xurelo, que é “base e sustento económico do sector de cerco de Galicia”, da que viven 67 barcos e máis de mil mariñeiros. Apunta que o novo reparto “non lles da nin para pagar os mínimos custes de supervivencia económica”, e defendeu un paro temporal con axudas que permita “dalgunha maneira” o sustento do sector.
Pediu así apoio a mariñeiros e armadores no tránsito entre a campaña actual, afectada polas novas cotas, e a mellora do reparto na campaña de 2024 no que xa traballan “de forma intensa” tanto o Ministerio como os representantes do sector. Emprazou a “darlle soporte a todo o sistema social e económico” que depende do cerco para chgar á próxima campaña.
O secretario de Acerga, Alberto Castro, emprazou tanto á Xunta como á Secretaría Xeral de Pesca a conceder un paro temporal de entre 2 e 3 meses que lle permita á flota subsistir ata a apertura das campañas da xarda e da anchoa. Sinalou que as conversas co goberno central van “polo bo camiño” e lembrou a existencia de “baremos establecidos sobre pagas temporais” para estes paros obrigados.
Así o dixeron logo dun encontro entre o PSdeG e Acerga, no que tamén participaron a secretaria de Pesca e portavoz de Pesca do PSdeG no Parlamento de Galicia, Patricia Otero, o deputado no Congreso Diego Taibo, a alcaldesa de Betanzos e vicepresidenta da Fegamp, María Barral, o secretario provincial de A Coruña, Bernardo Fernández, e o secretario provincial de Pesca, Walter Pardo.
Accidente de autobús
O responsable socialista comezou a intervención de hoxe trasladando as condolencias en nome de tódolos socialistas galegos ás familias dos falecidos no accidente de autobús en Cerdedo – Cotobade, no que foi un “día tráxico para Galicia”.