Site icon Crónica3.com A Mariña

Fernando Suárez non optará á alcaldía en 2023

Ribadeo, 17 de decembro de 2022. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, anunciaba este mediodía que acabará este mandato, pero que non se presentará á reelección en maio de 2023.

O rexedor, que compareceu acompañado polo equipo de goberno do BNG, fixo balance dos fitos conseguidos ao longo dos 16 anos que leva ao fronte da Alcaldía do Concello de Ribadeo e destacou o traballo realizado por todos os edís que formaron parte dos seus equipos nos catro mandatos.

Comparecencia de Fernando Suárez

“Hai unha cita coa que eu sempre me identifiquei moito. Aquela do grande mestre Galeano que di que: A utopía está no horizonte. Camiño dez pasos e o horizonte recúa outros dez mais aló. Por moito que camiñe nunca a alcanzarei. Entón, para que serve a utopía?. Para iso serve, para camiñar.

Pois iso é o que en todo este tempo de representación institucional e xestión pública estivemos e estamos a facer, xunto coas compañeiras e compañeiros, no Goberno Municipal de Ribadeo. Camiñar para chegar algún día á utopía de vivir no mellor Ribadeo posible e na mellor Galiza orgullosa e dona de si.

E mentres tentamos co traballo diario chegar á utopía, imos sementando, transformando, e convertendo paseniño ao noso Concello nun referente positivo aquí e aló en moitos aspectos.

No tocante á miña persoa, teño que dicir que empecei esta andaina, primeiro como concelleiro de oposición desde o ano 1999 até o 2003. Logo como Tenente de Alcalde nun goberno de coalición do 2003 ao 2007. E finalmente como alcalde de 2007 até a actualidade. Practicamente 24 anos xa de representación pública dos cales practicamente 16 deles como Alcalde do meu pobo.

Pois quero agora, con toda normalidade, anunciar que este mandato que remata en maio de 2023 será o meu derradeiro mandato como alcalde e que non repetirei como candidato á alcaldía de Ribadeo nas vindeiras eleccións municipais.

Coido que as persoas que ostentamos cargos de radical representación democrática non debemos perpetuarnos neles e debemos tamén dar exemplo. Tomo esta decisión persoal sen estar canso, nin aburrido nin ningún outro atributo negativo. Fágoo coa mesma ilusión do primeiro día (hai xa moitos anos). E fágoo con todo o optimismo e con todas as gañas de que Ribadeo sega a ser o referente comarcal que está sendo.

Todos somos necesarios pero ninguén é imprescindible, di o dito. Todo este tempo vital que levo á fronte do goberno municipal, practicamente unha xeración, estiven presente no desenvolvemento, modernización e mellora deste nobre concello, tanto na vila como nas parroquias.

Conseguimos durante todos estes anos algo básico e importante: tratar a todo o mundo por igual, sabendo que sendo representantes dunha forza política que goberna, somos representantes institucionais de todos os veciños e veciñas, dos que nos votaron e dos que non.

Conseguimos fitos tan importantes como aprobar normas urbanísticas (como o Plan Xeral de Ordenación Municipal ou o Plan Especial do Casco Vello) para garantir seguridade xurídica, solvencia e prosperidade.

Conseguimos moitas outras cousas que semellaban utópicas como ter unha das mellores Residencias de Maiores do País, e agora estamos loitando por conseguir da outra máis vella, o Hospital-Asilo, que sexa igualmente un referente de calidade e benestar para os nosos maiores.

Conseguimos mellorar as infraestruturas municipais dun xeito inédito. Botando unha ollada ao Ribadeo de hoxe e ao de hai poucos anos poderase ver a notable mellora das vías de comunicacións e demais infraestruturas públicas e colectivas: Humanización e peonalización de Rúas, Avenidas, ou construcións de Paseos na Vila ou mellora e modernización camiños públicos e accesos aos núcleos de todas as parroquias.

Conseguimos hai uns anos crear, logo de moito tempo sen el, un moderno Polígono Industrial, e que nestes últimos tempos está espertando a atención de novas iniciativas económicas.

Somos un goberno que pon en valor o litoral, con políticas respectuosas co medio ambiente e con iniciativas como a recente aprobación do Plan Especial das Catedrais que cando se vexa a potencia que iso lle dará a Ribadeo, será a envexa do País.

Somos tamén un goberno que non se arreda e fomos un referente en todo o país na prevención de incendios forestais co cumprimento das distancias de plantación de especies combustibles con respecto das vivendas.

Pero todo isto non o fixen eu só. O labor dun alcalde parécese moito ao director dunha orquestra ou ao dun adestrador en termos futbolísticos. Sen equipo ou sen orquestra, non hai melodía. E quero destacar o enorme aprecio que teño por toda a xente que me acompañou e acompaña ao longo de todos estes anos. A xente que xa non está na primeira liña e que foi moi imporante para min, e agora, a que día a día dan o mellor de si para transformar Ribadeo e que poidamos ir polo mundo dicindo: Somos do Goberno Municipal de Ribadeo.

Un Goberno que construíu un dos mellores Pavillóns Polideportivos do País, que modernizou coma nunca antes o Campo de Fútbol Pepe Barrera ou que está a construír un dos mellores espazos de deporte e lecer para a xente moza.

Un goberno que inventou eventos tan marabillosamente multitudinarios coma o Ribadeo Indiano ou que pulou por converter a Ribadeo nun polo de turismo ao nivel de destinos historicamente máis consolidados.

Un goberno que creou “A Pancha”, unha moeda local nunha aposta pola modernidade e a redistribución dos recursos de todos para apoiar o noso sector comercial e de servizos.

Un goberno que impulsou unhas escolas deportivas para varios centos de pícaros e pícaras, que cobren grande número de especialidades deportivas e que son un referente en todo o País.

Un goberno que leva todos estes anos traballando aprol da igualdade entre mulleres e homes, especialmente desde as idades temperás promovendo actuacións de educación en igualdade.

Un goberno que traballou e traballa incansablemente pola dignificación da nosa cultura e a nosa lingua como alimento para o espírito e orgullo de reivindicar a nosa historia. Unha cultura conectada co resto de culturas irmás a través da fraternidade que nos une desde este recuncho da nosa Galiza, como célula de universalidade que é.

En definitiva, todos os gobernos nos que estiven traballamos arreo para que a nosa cidadanía se sinta orgullosa do lugar onde vive e sigamos a ser un lugar atractivo para traballar, gozar e vivir.

Agora, esta xente do Goberno Municipal, loitadora, formada, capaz, e experimentada, será parte da nova xeración que siga modelando esta marabillosa transformación do noso Ribadeo.

E de entre eles, a formación política que representamos, confiou no compañeiro Pablo Vizoso Galdo para liderar a continuación deste proxecto para as vindeiras eleccións municipais. Pablo é o actual 1º Tenente de Alcalde, ademais de ser Concelleiro de Economía, Comercio, Turismo e Desenvolvemento Local.

Pablo, é unha persoa prudente, capaz, conciliadora, firme e determinada a seguir facendo realidade o noso soño colectivo deste Ribadeo orgulloso e dinámico no que man a man estamos construíndo.

Quérolle pedir a toda a cidadanía que confiou en min e no noso equipo que siga confiando nas vindeiras eleccións municipais para outorgarlle a confianza de ser o seguinte alcalde de Ribadeo, xunto co resto do equipo, pois quedan moitos proxectos que precisan ser convertidos en realidade.

Finalmente, lembrar que entrei na vida política sendo unha persoa moi nova, cunha experiencia vital limitada e rematarei este periplo da miña vida pública con un enorme caudal de aprendizaxe, de experiencias boas e malas, pero que ao cabo serviron para forxar en min unha persoa que non se rende nunca, que non dá un paso atrás cando a causa é xusta e que non hai obstáculo imposible de superar se se trata de defender a Ribadeo.

Tentei sempre actuar con xustiza, tendo en conta os criterios técnicos dos leais funcionarios públicos. Tentei defender sempre as causas xustas e sempre actuei con unha visión humanista da política.

E tamén quero destacar, como non, que cando tiven contradicións políticas e me vin na obriga de escoller entre a formación política á que represento e Ribadeo, sempre, sempre, escollín este último. Coido que este é un principio que calquera que pretenda ser o representante de todos debe asumir.

Moitas grazas a todos e todas e seguimos traballando coa ilusión do primeiro día, e no meu caso até o remate deste mandato, para facer de Ribadeo unha estrela que siga brillando neste pequeno gran país que se chama Galiza. Saúde e Terra”.

Verbas de Pablo Vizoso

O candidato á alcaldía de Ribadeo polo BNG, Pablo Vizoso, tivo palabras de agradecemento para Fernando Suárez e subliñou a transformación realizada no concello:

“Gustaríame comezar manifestando o enorme agradecemento que, como ribadense e tamén como amigo, sinto cara a Fernando polo seu esforzo, polo traballo e polo seu labor nesta longa, intensa e frutífera etapa ao fronte do Concello de Ribadeo.

A transformación e a mellora de Ribadeo é evidente, salta á vista para todo o mundo. Como el di con moita frecuencia e como hoxe acaba de manifestar tamén, trátase dun traballo colectivo. E é certo: é unha acción colectiva, pero tamén é certo que Fernando soubo liderar e sacar o mellor de cada un das concelleiras e dos concelleiros nos diferentes gobernos do BNG de Ribadeo.

Ao mesmo tempo que este agradecemento tamén sinto un enorme orgullo de que Fernando teña contado comigo para formar parte deses equipos e de participar activamente, sobre todo neste mandato, ao fronte de varias áreas no goberno actual, aportando o meu traballo xunto co dos meus compañeiros e compañeiras para transformar Ribadeo nun concello cada vez con maior calidade de vida e con máis oportunidades.

Por suposto, quero trasladar este agradecemento aos concelleiros e concelleiras que hoxe nos acompañan: Mónica, Jorge, Pilar, Marcos e David. E tamén a Mundiña e a Mari Luz, que comezaron o mandato con nós e puxeron todo o empeño no desenvolvemento das súas áreas de responsabilidade.

Tamén é unha enorme honra e un gran orgullo que a asemblea local e as persoas do BNG de Ribadeo teñan depositado en min a miña confianza para seguir facendo de Ribadeo unha referencia en todos os sentidos e un lugar cheo de futuro. Precisamente por ese motivo e acompañado dun extraordinario equipo estamos en disposición de seguir traballando sen descanso polo Ribadeo que soñamos e que cada día estamos máis preto de acadar.
Moitas grazas, Fernando, e moitas grazas a todas e a todos”.

O acto, celebrado no Parador de Turismo de Ribadeo, rematou compartindo un café.

Exit mobile version