Ribadeo, 14 de decembro de 2022. A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, copresidiron esta mañá a reunión ordinaria da Xunta Local de Seguridade, na que se fixo unha análise da situación delincuencial no municipio, así como un repaso dos distintos plans de seguridade que desenvolveu a Secretaría de Estado ao longo deste ano.
Na xuntanza, a subdelegada informou da favorable evolución da seguridade en Ribadeo, concello que ten taxas inferiores á media en criminalidade e que no último ano rexistrou unha diminución do 19,1% na cifra de delitos penais respecto aos que se producían antes da pandemia, ao tempo que aumentou a eficacia policial na resolución de feitos delituosos chegando ao 62% de casos esclarecidos.
Isabel Rodríguez, xunto a responsables de seguridade do Concello, mandos da Garda Civil e o Subsector de Tráfico, da Policía Local, a Policía Autonómica e Protección Civil, detallou que a taxa de criminalidade neste concello sitúase por debaixo da media provincial e, polo tanto, tamén é inferior á media galega e a de España. Así, Ribadeo tivo en 2021 unha taxa de infraccións penais de 20,25% por mil habitantes, o que supón 4 puntos menos que a media provincial (24,6%), e sitúase moi por debaixo da media de Galicia (32,7%) e de España (41,3%).
Neste senso, a subdelegada explicou que, segundo as estatísticas da Garda Civil, en 2021 rexistráronse 200 infraccións penais no municipio. Delas, 116 foron delitos graves ou menos graves e 84 delitos leves. No caso dos graves e menos graves, pasouse de 106 no ano 2019 a 116 no último exercicio. En canto aos leves, pasaron de 141 no ano 2019 a 84 no ano 2022, o que supón un descenso do -40,5%.
Ademais, a subdelegada detallou que nos primeiros nove meses de 2022 os axentes da Garda Civil detiveron en Ribadeo a 34 persoas pola súa presunta implicación en feitos constitutivos de delitos e investigaron a outras 64.
Neste sentido, Isabel Rodríguez felicitou ás Forzas e Corpos de Seguridade polo seu extraordinario labor e animounas a proseguir na mesma liña de traballo “porque os datos son favorables, pero non hai que darse por satisfeitos nin baixar a garda cando se trata da seguridade das persoas”.
Violencia de xénero
Por outra banda, a subdelegada do Goberno tamén chamou a atención sobre a situación da violencia de xénero e informou de que, no que levamos de ano, rexistráronse en Ribadeo 16 denuncias por este motivo. Ademais, nos tres últimos anos producíronse as mesmas denuncias por quebrantamento, 5.
Isabel Rodríguez advertiu da importancia de traballar entre administracións para facer fronte a esta lacra que atenta contra a liberdade e a igualdade entre homes e mulleres. Sobre este tema, avanzou que a día de hoxe Ribadeo conta con 32 casos activos rexistrados na base de datos do Sistema de Seguimento Integral de Violencia de Xénero (VIOXEN). Destes, non hai ningún catalogado como risco extremo ou risco alto, pero hai 4 de risco medio, 19 de risco baixo e 9 de risco non apreciado
Plan de Seguridade Escolar
A Xunta Local de Seguridade repasou os distintos plans operativos da Secretaría de Estado de Seguridade, entre eles o que desenvolven as forzas de seguridade para garantir a convivencia e a mellora da seguridade nos centros escolares.
En relación con este programa, a subdelegada indicou que no pasado curso académico impartíronse en colexios e institutos de Ribadeo 18 charlas sobre temática de especial interese para os escolares como o acoso escolar, drogas e alcohol, adicción aos videoxogos e ás apostas deportivas, violencia de xénero, ciberseguridade e riscos das novas tecnoloxías.
Para este curso están programadas neste momento un total de 19 actividades que se organizan, a petición dos centros escolares, coa colaboración da Garda Civil e a Policía Nacional dentro do Plan Director para Convivencia e Mellora da Seguridade Escolar nos Centros Educativos e as súas contornas.