Site icon Crónica3.com A Mariña

“Eu como peixe de Burela” chega ao CEIP de Cervo

Cervo, 12 de decembro, 2022. En colaboración coa Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela, a nutricionista Alba Vila celebrou o pasado mércores 7 de decembro a xornada divulgativa “Eu Como Peixe” dirixida aos nenos e nenas de seis a oito anos do Colexio Plurilingüe Virxe do Carme de Burela.

A xornada consistiu nunha charla divulgativa sobre os beneficios de comer peixe, impartida pola nutricionista Alba Vila, que ademais dos seus centros de dietética en Burela e Foz, tamén coordina os menús dalgún colexio da zona.

Os pequenos amosáronse moi atentos durante a presentación, seguindo os debuxos e explicacións sobre algunhas das principais especies da lonxa de Burela: pescada do pincho de Burela, peixe sapo, peixe espada, cabala e bonito do norte; e aprendendo as principais diferencias entre o peixe azul e o peixe branco.

No acto participaron uns 30 alumnos de primeiro e segundo de educación primaria, que ao final da charla recibiron un regalo en forma de mandil e gorro de chef cos que prometeron que axudarán a cociñar moito peixe nas súas casas.

Esta acción da Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela inclúese no su plan de produción e comercialización, en colaboración con Armadores de Burela e está cofinanciada pola Xunta de Galicia e o FEMP.

Exit mobile version