En fin de ano fanse propósitos para o ano que comeza, e (ou só) pásase revisión ó ano que remata, considerando que temos por diante un novo período diferente do xa pasado. Eu coido que é máis que nada unha continuación un do outro. Pero dividir o que é continuo en partes non nego que pode ter as súas avantaxes. Por exemplo, facilitando propósitos para o ano novo. Ou tamén, como queda dito, artellando un resume e meditación arredor do ano que remata para aprender algo da nosa propia historia.
Iso si, coido que máis que seguir o feito por outra xente, real ou imaxinaria (hoxe por hoxe podemos pedirlle a chatGPT que o faga), que pretende pontificar sexa por encargo ou sexa por convicción, en particular en forma de discurso, deberíamos mirar cara ó noso pasado con sabedoría e ó noso futuro tamén con esperanza e extraer de aí algo máis persoal. Sen esquecer que as persoas formamos parte dun colectivo social que tamén estará incluído nas nosas meditacións porque está incluído en nós, aínda que de tan interiorizado non nos decatemos. Mais algo que non debemos esquecer, porque ó fin, tanto a sociedade somos nós e as nosas relacións con os máis constitúen unha parte fundamental do que somos.
Ou non?
Así, pois, soltar un rollo sobre un discurso propio meu non debe ser máis interesante para outra persoa que escoitar outro discurso pelmazo alleo por iso de que somos sociedade e nos afecta todo, menos aínda se esa mirada allea é dende arriba e non ve ben máis que nas capas superiores, as que ten máis achegadas. Sobrarían unhas palabras como pinceladas para achegarse ó fundamental se se quixera dicir; o resto serían ben lugares comúns, requetesabidos, ben intimidades, que nun discurso quedan descartadas en xeral, aínda que ás veces algún discurso dese tipo se escoite polo morbo de que puidera saír algunha. Certo que a cousa non ten por que ser así: tamén pode quererse enganar un mesmo ou ós máis falando sen dicir nada ou tentando de discernir o sexo dos anxos, como escoitei que era a labor máis grosa das mentes pensantes do Imperio Bizantino mentres os turcos asediaban Constantinopla e o imperio caía desfeito en anacos.
Por outra banda, máis aló do que se diga ou non, ate pode facerse dunha revisión anual unha alegría: a tradición pode volverse ledicia se se adorna de transcendencia e beneficio. Mais se se fai un comunicado máis como sinxela obriga tradicional non deixa de ser un traballo, remunerado ou non, aínda que sexa para mirarse o propio embigo.
E un punto máis antes de deixalo: de confiar para o futuro, sexa a través de plans, perspectivas ou peticións, mellor na xente (e a pesar de moitos pero que se podan poñer ás veces, mellor na máis próxima) que en ideas impostas ou xerarquías, e mellor no traballo diario e programación que en bondadosas ideas redundantemente idealizadas cunhas perspectivas de cumprimento parellas ós premios da lotería.
Poderiamos seguir, pero… ía sobre o o discurso persoal de fin de ano.
Nota para clarificar: calquera comentario pode partir dun discurso real, pero es ti quen o fai ‘teu’, so ti.