Site icon Crónica3.com A Mariña

Detectados novos casos de gripe aviaria en gaivotas localizadas en Galicia, entre elas en Xove

A detección realizouse no marco do Plan de vixilancia da influenza aviaria que desenvolve o Goberno galego

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2022. A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección de catro exemplares de gaivota afectados por influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP), confirmados polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid).

Así, tres gaivotas foron detectadas na mesma localización, na parroquia de Morás no concello de Xove (Lugo) e unha cuarta no concello de Sada (A Coruña). Ao tratarse de tres individuos detectados na mesma localización, considéranse un único foco notificable polo que se elevarían a 24 o total de focos reportados desde Galicia en aves silvestres.

Trátase de catro gaivotas patiamarillas (Larus michahellis) recollidas no marco do Plan de vixilancia da influenza aviaria que desenvolve a Xunta de Galicia. Os exemplares foron achados mortos e trasladados aos Centros de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros (A Coruña) e de O Veral (Lugo), onde se realizou a preceptiva toma de mostras seguindo o protocolo establecido entre a Consellería do Medio Rural e a Consellería de Medioambiente, Territorio e Vivenda. Os cadáveres foron eliminados de acordo aos procedementos de xestión autorizados.

A nivel do Estado, continúan as notificacións de aves silvestres infectadas, tanto migratorias como residentes, e pertencentes a distintos hábitats e familias avícolas: anátidas como parrulos, cercetas ou gansos, aves de presa como falcóns ou miñatos e outras especies de distintas familias de aves como garzas, cegoñas pombas, voitres leonados, quebraosos ou gaivotas.

A estes efectos, cómpre sinalar que durante o presente ano 2022, un total de 13 das 17 comunidades autónomas do Estado notificaron algún caso de gripe aviaria en aves silvestres das que o mascato continúa polo de agora a ser a especie de máis frecuente detección nos últimos meses, con casos notificados, ademais de en Galicia, nas Comunidades Autónomas do litoral cantábrico ou atlántico, como Asturias, Cantabria, País Vasco e Andalucía.

Lémbrase de novo que o virus circulante non ten capacidade significativa de infección nas persoas, aínda que por un principio de bioseguridade básica, recoméndase non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e notificar o feito aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

A detección recente de gaivotas infectadas, aves máis ubicuas e de hábitos máis terrestres que os mascatos, supón un aumento no nivel de risco de aparición da enfermidade nas aves domésticas, polo que a Consellería do Medio Rural recorda a necesidade de reforzar as medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, de calquera tipo, comerciais ou particulares, especialmente aquelas destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como de intensificar a vixilancia de calquera signo de enfermidade tanto en explotacións avícolas como en aves silvestres, notificando a sospeita aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Exit mobile version