Viveiro, 10 de decembro, 2022. O Concello de Viveiro organiza mañá o concerto presentación do disco ‘Origen’ do viveirense David Catá. O teatro Pastor Díaz será o escenario elixido para dar a coñecer esta estrea, que o propio artista cualifica coma unha obra que fala da memoria, do esquecemento, da perda do ser querido e ten moito de autobiográfica.
David Catá é un artista multidisciplinar de Viveiro que lanza agora o seu primeiro disco pero que é recoñecido a nivel internacional polos seus traballos nos que combina o emprego da fotografía, a videocreación, a pintura e a música.
Cunha obra que xa foi exposta en diferentes países e pola que acadou diferentes premios, deu o paso agora coa creación deste disco, ‘Origen’, que o domingo día 11 de decembro, a partir das 20:00 horas, presentará antes os veciños e veciñas de Viveiro.
O compositor e pianista estará acompañado no escenario por Carla Alonso e Celia Montañez ao violín, por Ana Represas ao violonchelo e por María Villarquide na flauta.