Nesta fase, que contempla tamén a humanización da rúa, colabora a área de medio rural da Deputación cunha aportación de máis de 68.000 euros
A área de Medio Rural da Deputación, dirixida por Mónica Freire, colabora económicamente neste proxecto; tras a denegación da axuda de infraestruturas da Xunta de Galicia.
A deputada visitou a zona acompañada do goberno municipal que lle explicou as actuacións a levar a cabo e os motivos que os levaron a poñer en marcha este proxecto.
A alcaldesa, Ana Ermida, explicou que “esa parcela municipal estaba nun completo estado de abandono, nunha zona onde hai concentración de poboación, xa que están as vivendas sociais e máis o colexio público e decidimos adecuala para o disfrute de ocio da poboación.” A rexedora explicou que comezaron coa colocación dunha zona de compostaxe comunitario, tamén coa colaboración de medio rural da deputación; colocaron unha pista multideporte por medio da colaboración coa secretaría xeral de deportes da Xunta e agora continúan adecentando esa zona que, sen dúbida, pasará a converterse nun dos centros da parroquia, pola súa ubicación e proximidade aos espazos onde reside e socializa a xente, ao estar próxima ao único parque infantil existente no núcleo e a unha zona de paseo habitual coma O Xuncal.
As actuacións contemplan ademais a inclusión de elementos coma beirarrúas, alumeado e pintado da rúa para o uso como espazo de ocio en condicións de seguridade, contribuído á socialización con independencia da idade.
Mónica Freire trasladou ao goberno municipal “a disposición da súa área para colaborar cos concellos na mellora da calidade de vida da súa veciñanza, especialmente en concellos coma Barreiros que sen colaboración de outras administracións non poderían acometer este tipo de proxectos.” Así, a deputada lembrou outras colaboracións da área que dirixe en Barreiros, como a renovación de tubaxes de abastecemento de auga, a mellora de vías forestais, a posta en marcha dun composteiro mancomunada ou a compra de vehículos e maquinaria para a prestación de servizos municipais.
Esta fase do proxecto, contempla obras por un importe de 71.874,19 euros, dos que a área de medio rural da Deputación aporta 68.280,48 €; poñendo o Concello de Barreiros os 3.593,71 € restantes.