Site icon Crónica3.com A Mariña

Castiñeira: “Os vaivéns de Cajoto poñen en serio risco o servizo da Residencia da Terceira Idade”

Os populares lembran que se colle a residencia o Consorcio “perderiamos o privilexio de que os veciños de Foz teñan prioridade para entrar e perderían a prioridade tamén os propios traballadores”

Foz, 16 de decembro de 2022. O portavoz popular en Foz, Javier Castiñeira, avisa de que “os vaivéns do alcalde, Fran Cajoto, a súa irresponsabilidade e falta de compromiso está poñendo en serio risco o servizo da residencia da terceira idade de Foz”. Considera que “está pasando o mesmo que pasou coa Escola de Música, pero con algo moito máis grave, porque estamos a falar dos residentes, dos seus familiares e do futuro dos traballadores”.

Castiñeira sinala: “O PP de Foz vén avisando dende hai meses de que o equipo de goberno ten que sacar canto antes o concurso da residencia, porque o contrato coa empresa remata a mediados de xaneiro e a licitación dun contrato deste tipo leva varios meses”. Adiante que “se non se tramita con meses de antelación o que vai pasar é que caducará o contrato; iso foi o que pasou no Servizo de Axuda no Fogar, coa xestión da auga e é o que vai pasar coa residencia da terceira idade”. Para os populares, “o peor de todo é que neste caso estamos nas mans da empresa, porque se decide non continuar, o Concello vai ter que facerse cargo tanto dos residentes como os traballadores”.

Para Castiñeira, “a idea do alcalde de ceder novamente a residencia ao Consorcio é unha idea prexudicial para os intereses do pobo de Foz, porque perderiamos o privilexio de que os veciños de Foz teñan prioridade para entrar na residencia e perderían a prioridade tamén os propios traballadores”. Isto é así “porque, por un lado, o contrato está así firmado, e, por outra parte, porque o consorcio ten o seu propio regulamento e a súa propia rede e tería que adaptarse á rede total da Xunta de Galicia”.

Para o portavoz popular, “o señor Cajoto é un absoluto irresponsable neste asunto e, aínda por enriba, non foi capaz de ter unha relación correcta coa empresa deste servizo”. Explica: “Vimos de pasar uns problemas enormes cunha pandemia e coa crise económica, de aumento dos prezos da enerxía, e o señor Cajoto non foi capaz de chegar a un acordo coa empresa para reequilibrar o servizo; iso é o que moi probablemente levará á empresa a non seguir en Foz”.

Castiñeira destaca que chove sobre mollado. “É un problema do señor Cajoto que se repite, co que pasou na Escola de Música, moi parecido ao de Axuda no Fogar ou aos de servizos como o de auga”. Castiñeira asegura: “Cajoto só quere botar balóns fóra e neste caso está a crear un problema enorme aos residentes e aos traballadores da residencia; o Concello non vai ter máis que asumir ese servizo. O mellor sería manter a normalidade destes catro anos, pero por culpa de Cajoto non vai ser posible”.

Exit mobile version