A recente enquisa do servizo estatal de ,estatística a respecto do uso da nosa lingua no noso País (que reflicte que o castelán é xa máis usado decote e que case o 30% das pesoas de menos de 20 anos non entenden ou teñen unha comprensión cativa do galego) constata unha realidade que evolúe de xeito unidireccional nos últimos trinta anos no sentido da ruptura da cadea de transmisión lingüística de pais e nais a fill@s. Mais este proceso agravouse de xeito moi substancial nos últimos doce anos, dende a contrareforma educativa do goberno do PPd e Núñez Feijóo (2010) que impediu de feito o uso do galego cono lingua vehicular para a educación infantil e para o ensino das matemáticas, física, química e bioloxía. En realidade estes doce anos agromaron un fenómeno que antes non existía, que é o feito de que xeracións supostamente educadas en galego non o usen e mesmo teñan problemas para a súa comprensión a xeito.
A meirande parte dos expertos consideran que hai solucións para o galego, mais éstas pasa por unha mudanza radical nas políticas de promoción e tamén na legalidade vixente. Malia a eiva constitucional que impide a igualdade xurídica entre galego e castelán existe unha ampla marxe normativa para que o Dereito galego realmente protexa a nosa lingua. Cómpre un grande pacto social e político que aprobe unha nova Lei de Normalización Lingüística para os vindeiros 25-30 anos, desbotando o supremacismo extremista de Vox e Hablemos Gallego.
Na situación actual do galego a medida máis urxente é a implantación dun sistema de inmersión lingüística no ensino obrigatorio que garanta o uso do galego como lingua vehicular nun mínimo dos dous terzos do tempo de docencia, incluíndo nel o da docencia do portugués como elemento de conexión utilitaria co mundo da lusofonía. Nas escolas infantís a lingua vehicular habería ser o galego, complementada coa introdución tamén de contidos en castelán e inglés. Esencial neste eido sería que a CRTVG e a Xunta garantan recursos didácticos e contidos audiovisuais en galego para as crianzas e adolescentes.
No que atinxe ás Administracións Públicas cómpre garantir o uso cotián do galego perante calquera instancia xudicial e administrativa e calquera persoa na Galicia, agás exercicio expreso do dereito de opción lingüística por parte da persoa administrada. A opción de uso do galego habería ser sempre a activada por defecto e os contratistas e concesionarios de obras e servizos públicos haberían garantir os mesmos dereitos ca as Administracións contratantes.
A empresa e a Administración de Xustiza, como ámbitos menos galeguizados, requirirían normativa adicional á actual e máis códigos de boas prácticas para garantir o dereito dos traballadores, xusticiábeis, usuarios e consumidores a vivirmos en galego en toda circunstancia, que hoxendía non podemos exercitar.