As obras realízanse mediante un convenio coa área de Medio Rural da Deputación, que aporta preto de 43.000 euros
Barreiros, 17 de decembro de 2022. O Concello de Barreiros vén de iniciar o proceso para adxudicar as obras de renovación das tubaxes de auga potable que atravesan parte do núcleo de Vilar cara A Barcela.
Estas obras, que se executan ao amparo dun convenio asinado entre o Concello e a área de Medio Rural da Deputación, consistirán na renovación total da tubaxe principal -actualmente de fibrocemento- e a preparación das acometidas a inmobles. O importe total das mesmas ascenderá a 44.993,34€ euros; dos que a área de Medio Rural da Deputación aporta 42.743,67€ e o Concello, 2.249,67€. A continuación das mesmas, procederase tamén ao aglomerado do viario, cun investimento de máis de 60.000€.
A alcaldesa, Ana Ermida, explica que “son unhas obras moi necesarias nunha zona que está medrando e na que se están construíndo novas vivendas unifamiliares, polo que contar cuns servizos de calidade é fundamental para que ese asentamento da poboación en pequenos núcleos sexa permanente e cuns estándares de calidade.” A rexedora puxo en valor que o investimento total que se realizará entre ambas actuacións supera os 100.000 euros, o que é posible exclusivamente grazas á busqueda permanente de colaboracións con outras administracións.
Ana Ermida tamén quixo pór en valor a previsión e planificación coa que se realizan as obras “xa que noutras épocas o que se tería feito sería aglomerar o viario, que é o que se ve, sen pararse a pensar o que vai por debaixo. Isto, que xa ten pasado noutras ocasións, suporía un contrasentido; ao ser probables as continúas roturas dunha tubaxe que, por material e antigüidade, non estaría preparada para soportar o peso do novo firme”.
A deputada de medio rural, Mónica Freire, que visitou a zona acompañada polo goberno municipal, constatou a boa receptividade da veciñanza a este tipo de investimentos que “moitas veces non se valoran porque non se ven ao ir soterrados, pero son fundamentais para o funcionamento normal dos servizos e o asentamento de poboación nos núcleos rurais”.
Na visita realizada ao lugar, percorreron o viario por cuxa beira se soterrará a nova tubaxe que dará servizo ata o núcleo da Barcela e que supón unha das vías principais do lugar.
A concelleira de Saúde Pública e responsable do abastecemento, Montse Porteiro, sinalou que “esta é unha nova actuación para ir pouco a pouco deixando de usar fibrocemento na canalización de auga potable, dotando a rede de tubaxes novas e de maior duración; polo que se evitan roturas que supoñen fugas importantes coa conseguinte perda de auga tratada para o consumo”.