Site icon Crónica3.com A Mariña

Barreiros habilita puntos de carga para madeira a carón das vías municipais

Trátase dunha iniciativa pioneira, sendo o único concello galego que conta con áreas habilitadas e sinalizadas para a carga de madeira

Barreiros, 14 de decembro de 2022. O concello de Barreiros vén de realizar nestes meses actuacións importantes para o sector forestal, continuando na senda iniciada de colaboración co sector para o arranxo de vías e a habilitación de espazos para a carga de madeira.

A habilitación dos cargadoiros era unha compromiso do actual goberno que foi compartido no seu momento pola Asociación de empresarios de primeira transformación de Lugo, coa que o Concello barreirense ten un convenio que inclúe o arranxo de vías forestais e mantén relación constantes para mellorar as infraestruturas adicadas a corta e saca de madeira nos montes do municipio, que tamén trasladou dita demanda.

A alcaldesa, Ana Ermida, quixo pór en valor “esta actuación pioneira, sendo probablemente o único concello galego que sinalou áreas destinadas á carga de madeira para facilitar a convivencia das actividades no rural.” Ermida tamén manifestou que estas e outras actuacións son exemplo da “colaboración que iniciamos coa Asociación, que agrupa á maioría de empresas que operan no territorio, e que nos permite un diálogo continuo que redunda na mellora dos servizos que se ofrecen para o sector forestal e para as persoas propietarias de madeira; así como á poboación usuaria das vias municipais.”

O edil de medio rural, Dámaso Ratoeira, explica que se elixiron 10 fincas titularidade do Concello para o almacenamento e carga da madeira que se corta para facilitar ditos traballos e mellorar a seguridade viaria nos puntos afectados, xa que se evita a ocupación dos viais públicos con vehículos que realicen ditos traballo.”

Xunto cos responsables municipais visitaron algún dos puntos habilitados representantes das empresas de primeira transformación, que valoraron moi positivamente estes traballos que, “por pequenos que parezan, melloran as condición da saca de madeira e, sobre todo, inflúen nunha mellor convivencia do sector coa veciñanza.”

A alcaldesa adiantou que seguirán traballando en ordear e dotar de servizos este sector, cun peso importante no municipio, e que “precisa de infraestruturas adaptadas para que a convivencia da actividade forestal con otros usos poida darse de xeito normalizado.” Neste sentido, anunciou que o goberno municipal traballa xa en localizar outras ubicacións para continuar habilitando espazos deste tipo e traballando na ordenación forestal dentro das competencias municipais.

Exit mobile version