O popular puntualiza: “Todo iso a pesar de que o principal problema da sanidade pública no conxunto de España segue a ser a falta de especialistas e facultativos de Atención Primaria”
A Mariña, 14 de decembro de 2022. O deputado autonómico do Partido Popular, José Manuel Balseiro, felicitouse porque a Xunta logrou cubrir a totalidade das prazas de médicos ofertadas no último concurso no Hospital Público da Mariña lucense. Todo isto, nun contexto que, no conxunto de España, está condicionado pola falta de especialistas. De feito, o deputado dixo que este é o principal problema ao que se enfronta a sanidade pública e, a pesar disto, e das demandas das distintas comunidades autónomas “a Moncloa segue a facer oídos xordos a estas demandas”, en concreto, á posibilidade dos gobernos autonómicos de que se lles autorice formar e contratar máis médicos.
“Neste contexto é unha gran noticia saber que o Sergas logrou cubrir as 30 prazas de especialista que tiña ofertadas para o noso hospital, as dúas de persoal técnico e as catro de Urxencias. Polo tanto, logrará ter un médico para cada vacante. É o resultado do concurso oposición que ofertaba unha trintena de especialidades e en todas elas cubríronse as prazas”.
Con todo, o deputado sinalou que “isto non é unha solución definitiva” pois recoñeceu que o sistema sanitario seguirá sometido a tensións, por falta de médicos especialistas e de Atención Primaria, porque as listas de contratación están a cero. “Pero polo menos a Xunta dá pasos, no ámbito das súas competencias, para tentar achegar solucións. E o Goberno galego faino con feitos, e non como a oposición, votando en contra de todas as medidas e agarrados ás pancartas”.