O rexedor dixo que “é unha boa noticia para as parroquias deste noso Concello. Sempre queremos facer un reparto dos recursos que están á nosa disposición entre a vila e o campo. Tentamos facelo o mellor que sabemos. E sabemos tamén que a poboación na súa meirande parte se está a concentrar na vila, pero por nada do mundo queremos deixar de prestar servizos e deixar de mellorar as infraestruturas das nosas parroquias, tanto nas da costa como nas do interior”.
Suárez Barcia explicou que “para isto, e como vimos facendo nestes últimos anos, imos darlle nas próximas semanas unha boa voltiña aos camiños municipais de todas as nosas parroquias. Por unha banda, seguimos cos programas de rebacheos para que aqueles camiños que estean en mal estado, poidan seguir sendo transitables. E logo, co diálogo que sempre mantemos coas Asociacións de Veciños e veciñas para aceptar as súas suxerencias, imos avanzando firmemente no aglomerado dos camiños municipais. De aquí, que tanto co programa de Plan Único asinado entre o Concello e a Deputación, como con outros de fondos propios, imos actuar na parroquia de Covelas, no núcleo das Anzas e na estrada de Barreiros a San Vicente; en Requiande, Cedofeita; nas Pereiriñas, en Remourelle; en Cei, en Arante; en Santalla de Vilaousende; en Fornelo, de Couxela; na Palmeira e na Capela, en Ove; en Campoxurado e na Igrexa na parroquia de Vilaselán; no Outeiro na de Piñeira; no Coto e no Regueiral, en Vilaframil; e na parroquia da Devesa será na Rochela, na de Vilandriz a Vilagoíz e máis na de Meirengos aos Castros”.
O alcalde subliñou que “en total son máis de 700.000 euros, dos que a Deputación de Lugo pon 285.000, significando que a parte restante pona o Concello de Ribadeo de fondos propios. Aí se ve quen inviste de verdade en Ribadeo, máis aló de chilindradas varias que outros vendefumes prometen e que logo sempre acaban en nada”.
E engadiu: “as empresas adxudicatarias destas obras son Isidro Otero de Mondoñedo e máis Carferlo de Viveiro”.