Site icon Crónica3.com A Mariña

Arrincou a segunda edición do RibaXogo na gran carpa instalada no parque de San Francisco

Ribadeo, 23 de decembro de 2022. Arrincou a segunda edición do RibaXogo na gran carpa instalada no parque de San Francisco. Os tíckets para acceder poderán conseguirse en comercios, en establecementos hostaleiros e de servizos, en calquera micropeme ou pequena empresa de Ribadeo, de calquera sector, despois de ter feito unha compra ou de ter consumido por un importe superior a 5 euros.

O RibaXogo está aberto hoxe en horario de 12 a 14 horas e de 17 a 21 horas, ao igual que os días 30 de decembro, 7 e 8 de xaneiro. O 24 e o 31 de decembro o horario será de 12 a 14 horas polas mañás e polas tardes de 16:30 a 19:30 horas. O resto das xornadas 26, 27, 28 e 29 de decembro e 2, 3, 4 e 5 de xaneiro RibaXogo abrirá de 17 a 21 horas. Os días 25 de decembro, 1 e 6 de xaneiro este centro de ocio estará pechado.

O concelleiro de Comercio e Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, dixo que “xa puidemos ver ás primeiras nenas e nenos agardando este mediodía pola apertura ro RibaXogo para gozar de todos os inchables e dos obradoiros que alí atoparán. Hai algúns que van ser fixos e hai outros que irán cambiando”.

Vizoso Galdo subliñou que “o día 8 de xaneiro faremos un día de acceso libre. Durante esa xornada non haberá que presentar tícket para acceder ao RibaXogo. Toda a información sobre este centro de ocio de Nadal, os horarios, o funcionamento, etc… pódese atopar en ribaxogo.ribadeo.gal”.

O edil ribadense agarda que “o RibaXogo anime as vendas e dinamice o comercio local, precisamente nestes momentos de maior actividade”.

O RibaXogo enmárcase dentro da programación de Nadal deste 2022, que coorganizan o Concello e Acisa. Pola carpa do parque de San Francisco pasaron hoxe os concelleiros de Desenvolvemento Local e Turismo, Igualdade e Medio Ambiente, Pablo Vizoso, Mónica Freire e Jorge Díaz, xunto ao xerente e á presidenta de Acisa, Jesús Pérez e Carmen Cruzado.

Desde Acisa animan “a todas as nenas e nenos de Ribadeo e de toda a contorna a achegarse ata o RibaXogo, que vai contar coas visitas de Papá Noel mañá, día 24, pola mañá e do Apalpador o 31 de decembro tamén en horario de mañá”.

Exit mobile version