A tarrafa é a arte de pesca con máis tradición en Foz. A introdución da mesma na localidade data da primeira década do século XX, sendo as embarcacións que traballaron a tarrafa as que protagonizaron a etapa máis importante da pesca na localidade.
As primeiras referencias do emprego desta arte nas costas galegas datan de 1902. O primeiro porto onde se empregou foi Cariño, pasando de inmediato a outras localidades do Cantábrico galego. Neste sentido, a chegada da tarrafa ao Estado é das décadas finais do século XIX
A escolla de Viveiro e Foz para un traballo sobre as tarrafas na Mariña explícaa Andrés Díaz Ferro sinalando que “no desenrolo da arte ao longo do tempo nos portos mariñaos eu considéroos básicos”. A este respecto, indica que noutros portos da comarca houbo algunhas embarcacións que empregaron esta arte de pesca pero cunha importancia moito menor.
A proximidade entre os portos pesqueiros de Viveiro e Foz non evita a existencia de pequenas diferenzas na arte entre as dúas localidades mariñás. Así, por exemplo, o aparello presenta diferentes peculiaridades.
A conferencia sobre a arte da tarrafa en Foz vai correr a cargo de Andrés Díaz Ferro. Díaz, natural de Viveiro, é titulado en mariña mercante pola escala náutica da Coruña, mandou como capitán embarcacións de diversas tonelaxes e traballou como práctico dos portos de Viveiro, Burela e Alcoa.
Díaz Ferro é fillo dunha familia que posuíu diversas embarcacións dedicadas a arte da tarrafa, iniciándose el mesmo como mariñeiro nun barco que traballou con esta arte. Precisamente, o libro que presenta en Foz ten como obxectivo deixar lembranza deste modo de traballar o mar entre as novas xeracións
As razóns de Díaz Ferro para estudar a pesca da tarrafa en Foz é a importancia da mesma entre os mariñeiros de Foz, até o punto de sinalar no libro que “por tradición e historia non se entendería que o falar das tarrafas da Mariña Foz non ocúpase o lugar que lle corresponde”.
A Pomba do Arco, entidade organizadora deste acto, convida a toda a veciñanza de Foz e da Mariña a participar desta palestra, que permitirá atoparse cunha parte da nosa historia mariñeira.