O concelleiro de Economía, Desenvolvemento Local e Turismo, Pablo Vizoso, cualificou como un éxito o desenvolvemento da campaña e asegurou que “son máis de 100 establecementos de comercio, de hostalaría e do sector servizos de Ribadeo os que se están vendo moi beneficiados coa Pancha. Proba disto é a adquisición da totalidade da moeda local posta a disposición por este ano”.
Pablo Vizoso mostrouse moi satisfeito, “posto que dende o Concello se realizou unha forte inversión, un total de 85.000 euros de fondos públicos, que se traducen en 200.000 panchas que están a deixar un retorno económico moi superior en Ribadeo e que están permitindo ás persoas usuarias da moeda, tanto locais como visitantes, un aforro de 100 euros por persoa ou dun 33% por cada pago en Panchas”.
Constatouse tamén durante estes meses que o sistema dixital utilizado para a Pancha está plenamente integrado e que, dende o ano pasado que se comezou a empregar, mellorouse e axilizáronse moito os pagos e os cobros.
Neste sentido, o edil ribadense afirmou que “ao longo destes meses, dende a Área de Desenvolvemento Local, puxémonos a disposición tanto desde o Concello como desde Acisa, ben de xeito presencial ou telefónico, de todas as persoas que precisaran axuda ou información para utilizar a nosa moeda local. O que se conseguiu foi que a Pancha fora accesible a todas as persoas, para que todas elas se puideran beneficiar do seu uso”.
Por último, o concelleiro de Desenvolvemento Local engadiu que “aínda que non se poidan mercar máis Panchas por este ano, quedan máis de 20.000 Panchas das que xa están mercadas por gastar, polo que lles recordamos a aquelas persoas que aínda non as gastaran, que teñen ata o próximo día 31 de decembro para poder pagar as súas compras coa moeda local de Ribadeo”.