Ribadeo, 28 de decembro de 2022. Acisa Ribadeo fai un balance positivo do 2022, no que organizou máis de 40 actividades, colaborou en diversos eventos doutras entidades e prevé pechar o ano coas contas saneadas.
Segundo explica o xerente de Acisa, Jesús Pérez, “neste ano organizamos ou participamos en mais de 40 actividades ou iniciativas de dinamización comercial e hostaleira, algunhas novidosas como foron as xornadas de exaltación da lura ou a recuperación do sorteo presencial da Festa do Comercio. Colaboramos con diversas actividades de tipo deportivo, cultura, que atraen potenciais clientes, ademais de seguir formando parte da organización do Ribadeo Indiano, na que investimos gran parte dos nosos recursos e seguimos colaborando co Concello na campaña das Panchas. Ademais foi un ano de moitos materiais gratuítos: 20.000 bolsas para o comercio e 28.000 envases de comida para levar, vasos térmicos, e bolsas para comida e para o viño. E para finalizar o ano unha gran programación de Nadal en conxunto co Concello”.
Pérez Prada subliñou que “por suposto seguimos dando toda a información sobre axudas e subvencións que as administracións convocan para os nosos sectores empresariais, servizo que creemos que é moi importante para os nosos asociados. Seguimos apostando pola entrega de materiais gratuítos aos nosos socios e socias, como un dos grandes beneficios de ser membro de Acisa, pouco a pouco aumentamos os presupostos para que durante todo o ano teñan á súa disposición materiais que lles axudan a aforrar custes nas súas empresas. Tamén seguimos a traballar na posta en valor do Camiño de Santiago, nos soportes dixitais, e por suposto na fidelizacion da clientela os nosos negocios”.
O xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, Jesús Pérez, indicou que “se falamos de cifras neste 2022 manexamos un presuposto que no peche de contas roldará os 120.000 euros, cantidade menor á do pasado ano, pero que estimamos xerarían arredor de dez a doce millóns de euros de movemento económico, cantidade similar á do ano anterior á pandemia, xa que debemos ter en conta a recuperación do Ribadeo Indiano e o que iso supuxo para economía local. Repartíronse preto de 5.000 euros en vales de compra, xeramos unhas 800 publicacións en prensa, o noso perfil de Facebook segue medrando con mais de 1,6 millóns de visualizacións e a nosa app rolda os 1.000 usuarios, o que converte as nosas redes sociais nun gran escaparate para as empresas de Ribadeo”.
Pérez Prada dixo que “neste ano 2022 Acisa Ribadeo estivo presente en dous importantes congresos: o nacional de cascos históricos de España, onde tiven a oportunidade de participar como poñente e no de xerentes de centros comerciais abertos de Galicia, expoñendo en ambos o noso traballo e a nosa labor, e tamén neste ano houbo relevo na directiva da nosa asociación”.
E continuou: “no tócante aos números poderemos pechar o ano mantendo as contas saneadas, puidemos desenrolar todas as actividades previstas e incluso facer algunha mais das que se contaba facer, e esperamos no 2023 recuperar as cifras de ingresos, tanto por cotas como por financiamento das administracións, para poder aínda realizar mais actividades. Dende Acisa creemos que nestes anos demostramos que podemos xestionar todas as axudas publicas que se nos concedan para poder dinamizar a economía local da nosa vila con bos resultados como demostran as cifras”.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, e o xerente, Jesús Pérez, insistiron en que “Ribadeo segue sendo referente comarcal tanto en Galicia coma en Asturias no comercio, na hostalaría e no turismo. Somos o mellor lugar para comprar, para saborear unha exquisita gastronomía e somos o centro comercial coas mellores vistas. Poucos lugares poden ofrecer tanto coma Ribadeo. Dende Acisa seguiremos a traballar nos nosos obxectivos, que son facer medrar a Ribadeo e aos seus negocios, axudando a manter eses mais de 600 postos de traballo que xeran os nosos asociados e asociadas”.
Dende Acisa: “agradecemos ás nosas socias e socios a súa confianza e ás administracións local, provincial e autonómica a súa colaboración. E aproveitamos a ocasión para desexarlles a todos os veciños e visitantes unhas felices festas e un próspero ano 2023, no que agardamos que sigan apostando por Ribadeo e polos seus negocios”.