Así o anunciou hoxe no Parlamento de Galicia, a xerente do Sergas, Estrella López-Pardo
Na súa intervención no Pazo do Hórreo, Estrella-López subliñou que a falta de pediatras é un problema que se está a dar a nivel de toda España, xa que é unha das especialidades identificadas como deficitarias por parte do Ministerio de Sanidade, e para ser máis concretos nos pediatras de atención primaria, o que dificulta a cobertura das prazas.
Dende a Xunta, proseguiu Estrella López-Pardo, estanse a tomar diversas medidas para poder solucionar a falta destes profesionais. Así, no relativo aos MIR de pediatría, o Executivo galego leva sete anos consecutivos ofertando o 100% das prazas acreditadas e, dende o ano 2019, aumentáronse as prazas formativas nun 35%.
Xunto ao anterior, o orzamento da Xunta para o vindeiro ano conta con máis de 1.500 millóns de euros só para atención primaria, dos cales máis de 570 son para persoal, unha suba de 137 millóns de euros.
Segundo explicou a xerente do Sergas, ante o déficit destes profesionais, e vista a experiencia da convocatoria por concurso de méritos dos facultativos especialistas de atención primaria, procedeu a incorporar as prazas de pediatría do primeiro nivel asistencial a esta modalidade de cobertura.
O Sergas seguirá a traballar, xunto coa área sanitaria de Lugo, na procura de pediatras tanto para substituír os profesionais de baixa como as vacantes que vaian quedando libres, pero a solución ao problema ten que ser estrutural, como é a cobertura das vacantes, -concluíu a xerente-.