Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta e Tradime abordan os retos e problemas que encara o sector do transporte na provincia

O delegado territorial, Javier Arias, mantivo unha xuntanza coa nova directiva que encabeza José Fernández

Lugo, 1 de decembro de 2022. A Xunta de Galicia e a Asociación Provincial de Transporte de Mercancías por Estrada de Lugo (Tradime) abordaron de maneira conxunta os retos e os principais problemas que encara o sector na actualidade nunha primeira xuntanza de traballo entre o delegado territorial, Javier Arias, e a nova directiva da entidade, pola que acudiron o presidente, José Fernández; o vicepresidente, Amador García, e o secretario, Jesús Antonio Suárez.

Ao respecto, subliñaron as ameazas globais que afrontan, como o incremento do prezo dos combustibles, pero tamén outras que afectan mo especialmente aos transportistas da provincia, como é o corte da A-6 como consecuencia do derrubamento do viaduto do Castro. Os camións deben cruzar o núcleo de Pedrafita, unha vez que se demostrou que o desvío provisional habilitado no mes de setembro non é válido para os vehículos pesados. Á espera de que se concrete a cronoloxía das obras, o Goberno central apunta a que a autovía non abrirá por completo ata o ano 2024.

Na provincia tamén necesitan un impulso outras autovías que dependen do Estado e están paradas, como a da Mariña e a conexión Lugo-Ourense, ou sen apenas avances, como a de Lugo-Santiago.

Pola contra, ambas partes valoraron o avance que supuxo a apertura do primeiro tramo da autovía entre A Pobra de San Xiao e Sarria, 11 quilómetros que requiriron un investimento da Xunta de 25 millóns de euros.

Arias explicou que se está redactando o proxecto da segunda fase, que completará o percorrido desde A Pobra ata o enlace coa A-6 en Lugo, sumando outros 13,5 quilómetros. Os orzamentos para o próximo ano reservan 2 millóns de euros, cun compromisos de gasto plurianual por máis de 25 millóns, “que acreditan que a Xunta vai seguir avanzando sen descanso ata completar a autovía Nadela-Sarria”, apuntou o delegado.

Tamén subliñaron o impulso á Ronda Leste, á que a Xunta destina 6 millóns de euros nos orzamentos do próximo ano; construirase unha nova vía de 2,8 quilómetros entre a estrada autonómica LU-530 e a N-VI para completar o cinto de circunvalación de Lugo, dado que enlazará co treito xa en servizo de 2,41 quilómetros entre a LU-530 e a N-640.

Igualmente, destacaron os avances no polígono das Gándaras, no que o Goberno galego investirá preto de 2 millóns de euros no 2023 para rematar a fase tres e continuar licitando as futuras ampliacións.

Exit mobile version