Están orientadas a mellorar a seguridade dos traballadores, a protección ambiental e a eficiencia enerxética
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que a maior parte das achegas están destinadas á introdución de mecanismos para reducir a emisión de po e ruído, mellorando as condicións laborais e a calidade do ambiente atmosférico, como novos sistemas de filtrado e de aspiración industrial ou equipos de extracción.
Tamén hai unha liña para investimentos orientados a mellorar a eficiencia enerxética en empresas que se dediquen ao envasado de augas minerais naturais ou á explotación de balnearios. Neste apartado hai dúas achegas en Lugo, a primeira para a incorporación dunha deshumectadora de baixo consumo e a segunda para unha instalación fotovoltaica de 45 kw dedicada a autoconsumo.
Arias lembrou que estas accións están en consonancia coa Axenda da Minaría Sustentable de Galicia 2030, unha nova ferramenta que a Xunta vai poñer en marcha, consensuada co sector, para fortalecer a súa competitividade de xeito sostible e converter a minaría nun aliado estratéxico como provedora doutras industrias fundamentais na Comunidade. Estará dotada de 32 M€ ata 2024.