O delegado territorial, Javier Arias, explica que se impulsaron 24 actuacións na provincia coas axudas para mellorar infraestruturas e dotacións municipais de uso público, seis delas na Mariña
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe o resultado da intervención e explicou que a Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes asumiu o 70% do orzamento da obra a través da convocatoria de achegas para a mellora de infraestruturas e dotacións municipais de uso público.
Os traballos consistiron en adaptar ao tránsito de vehículos esta vía que daba acceso a parcelas agrarias e forestais, incluída a zona na que se sitúan os depósitos de incendios. Deste xeito -apuntou Arias-, “mellóranse as condicións de vida dos veciños e veciñas e as de traballo para as explotacións agropecuarias da zona, ademais de facilitar a asistencia de vehículos sanitarios e de emerxencias”.
Neste sentido, lembrou que este programa de axudas beneficia a concellos de menos de 30.000 habitantes e o seu principal obxectivo é mellorar equipamentos, instalacións e en xeral espazos vinculados á prestación de servizos municipais, buscando un equilibrio entre o medio rural e urbano.
Neste ano, o orzamento global das achegas na provincia de Lugo ascenderon a 832.000 euros para 24 actuacións. Deste total, 313.500 euros investíronse en seis iniciativas na Mariña, nos municipios de Cervo, Mondoñedo, Ourol, O Vicedo e Xove, ademais desta conxunta de Trabada e Ribadeo.
Desde a creación da orde de axudas, en 2009, o Goberno galego mobilizou máis de 44 millóns de euros para financiar 1.480 proxectos en concellos de toda Galicia, dos que 125 se executaron o pasado ano e 108 serán executados este ano.