Segundo sinalou Comesaña, no ano 2020 o orzamento para este fin era de 6,1 millóns, por conseguinte, coa aprobación do Plan de saúde mental da Xunta, “incrementáronse nun 50% estes fondos”. O obxectivo do Plan é chegar aos 9,5 millóns no 2024. Dende 2019, a Xunta aumentou o número de prazas concertadas en máis de 150 ata acadar, na actualidade, un total de 1.358.
Tal e como remarcou o conselleiro, quen estivo acompañado na visita polo delegado territorial da Xunta, Javier Arias, así como polo alcalde do concello de Cervo, Alfonso Villares, a Xunta concedeu unha axuda de 80.000 euros a Asociación Saúde Mental A Mariña, para a obra da súa nova residencia en Cervo, que vai estar especializada en trastorno mental severo. Trátase,- dixo Comesaña-, da axuda de maior contía das que concede a Xunta neste ano dentro dos investimentos de mellora de centros de pacientes con trastornos mentais. “Esta reforma contribuirá a que esta asociación siga ampliando as súas instalacións e prestando un servizo fundamental e dunha calidade excepcional”.
Esta asociación leva dende 1999 traballando a prol da saúde mental e coñece mellor que ninguén as necesidades e as problemáticas da Mariña nun ámbito tan sensible e importante como a da saúde mental, -sinalou Comesaña-. Destacou, tamén, que, nos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano, as axudas para o financiamento de programas de entidades sociais relacionados con pacientes con trastornos mentais superan os 1,2 millóns de euros, o que supón un incremento do 20%.
Liñas de acción
Segundo incidiu o responsable da sanidade pública galega, todas estas medidas de apoio súmanse ás desenvoltas no propio ámbito do Sergas. Así, o Plan de saúde mental 2020-2024 da Xunta prevé a creación dun total de 241 prazas, estando xa contratados 125 profesionais.
Dende a creación do Plan, o Executivo galego incrementou o investimento anual en persoal de saúde mental do Sergas en máis de 10 millóns de euros. Como consecuencia, puxéronse en marcha novas unidades de saúde mental para adultos en distintos centros de saúde, ata acadar as 41 unidades. Así mesmo, creáronse unidades de prevención do suicidio, e neste ano haberá unha en cada área sanitaria, cando no 2020 so existía a de Ourense.
Para rematar a súa intervención, o conselleiro dixo que aínda queda moito camiño por recorrer “pero será da man das asociacións que colaboran coa Xunta para continuar na abordaxe desta responsabilidade colectiva que é o coidado da saúde mental, o que implica a todos por igual, administracións, profesionais, asociacións e sociedade civil”.