Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta apoia con 44.000 € a posta en servizo dun punto limpo móbil na Pontenova

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que o Goberno galego tamén concedeu este ano 25.400 euros para mellorar o punto limpo fixo compartido con outros cinco concellos

A Pontenova, 1 de decembro de 2022. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda apoiou con 44.180 euros a posta en servizo dun punto limpo móbil no concello da Pontenova, a través da orde de axudas a entidades locais para adquirir este tipo de equipamento.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, acompañado do alcalde da Pontenova, Darío Campos, comprobou hoxe a nova dotación, un camión equipado cun gancho multibasculante hidráulico e unha caixa que incorpora un módulo portacontedores para o depósito de residuos de aparatos eléctricos e electrónicos (RAEE), pilas, baterías e outros refugallos.

Así mesmo, o Goberno galego concedeu 25.400 euros ao abeiro da orde de 2022 para crear ou mellorar puntos limpos fixos, neste caso co fin de acondicionar a instalación que comparte A Pontenova cos municipios de Riotorto, Ribeira de Piquín, A Pastoriza, Meira e Pol.

Arias explicou que o obxectivo da Xunta é contribuír a mellorar e ampliar a xestión dos residuos especiais de competencia municipal co fin de favorecer a súa axeitada recollida, clasificación e preparación para a reutilización, ao tempo que se evita a proliferación de puntos de vertedura incontrolada.

Máis de 500.000 euros concedidos este ano para os puntos limpos da Mariña
A través das convocatorias deste ano, o Goberno galego concedeu 527.400 euros para poñer en funcionamento na Mariña puntos limpos móbiles e fixos ou para acondicionar estes últimos.

Así, ademais da Pontenova tamén perciben fondos para poñer en funcionamento puntos limpos móbiles Ribadeo, Foz, Viveiro e Mondoñedo – 165.600 euros en total -; mentres que outros 361.810 euros son para mellorar os puntos limpos fixos da Pontenova -compartido entre seis concellos -, ademais dos de Ribadeo, Foz e Trabada, e para crear un novo en Mondoñedo. As achegas para puntos limpos fixos distribúense en catro anualidades, ata 2025.

Exit mobile version