Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta achegou 62.500€ á nova pista multideporte que estrea o CEIP O Cantel de Foz

Son infraestruturas que permiten a práctica de diferentes disciplinas deportivas en horario escolar e o resto do tempo están abertas a toda a cidadanía

Foz, 16 de decembro de 2022. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades achegou 62.500 euros ao Concello de Foz para construír a nova pista multideporte que estrea o CEIP O Cantel.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, acompañado do alcalde de Foz, Fran Cajoto -entre outras persoas -, visitou as instalacións, impulsadas ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia. O Goberno autonómico tamén vén de apoiar o financiamento deste tipo de espazos no CEIP Santa María do Valadouro e no CEIP Celso Currás de Trabada, cun investimento autonómico total na Mariña de 204.300 euros.

En Foz proxectouse unha infraestrutura pechada cunha superficie de xogo de 30×15 metros cadrados, con chan de resina deportiva, adaptada para a práctica de diferentes disciplinas como balonmano, fútbol sala, baloncesto, tenis, voleibol ou bádminton. A proposta incluía a colocación de proxectores LED.

Arias destacou que a apertura destas pistas forma parte da aposta da Xunta por crear uns espazos educativos “cada vez máis saudables e innovadores”. Subliñou que teñen unha dobre función, posto que fóra do horario escolar están abertos ao resto da cidadanía, “polo que tamén se gaña un novo espazo deportivo para a veciñanza”.

A Xunta promove pistas como estas en centros de Educación Infantil e Primaria e nos centros integrados non universitarios de titularidade municipal, cuxo deseño debe ser conforme aos modelos establecidos. A través destas axudas a Administración autonómica subvenciona ata o 85% do custo destas infraestruturas de uso compartido entre os centros e os concellos e é a primeira vez que se habilita unha liña deste tipo, que incide na colaboración interinstitucional entre as administracións autonómica e locais. En total, na provincia de Lugo habilítanse este ano 10 novas pistas multideporte.

Exit mobile version