O pleno provincial aprobou as bases do Plan Único para 2023, co que se distribúen 21,5 millóns de euros entre os concellos
Lugo, 27 de decembro de 2022. O Goberno da Deputación de Lugo sacou adiante no Pleno ordinario deste mes as bases do Plan Único de Cooperación cos Concellos para o vindeiro ano 2023, ao que destina 21,5M€ para desenvolver actuacións en materia de infraestruturas, creación de emprego, Servizo de Axuda no Fogar, actividades, eventos, administración electrónica ou protección civil. As bases aprobáronse cos votos do goberno provincial,e a abstención do Partido Popular.
Os fondos provinciais distribúense entre os 67 concellos da provincia, atendendo a criterios de poboación, superficie, dispersión territorial e taxa de envellecemento, segundo os datos oficiais do Instituto Nacional de Estatística. Ademais, fixa unha contía máxima de 500.000€ e mínima de 200.000€, coa que se blinda o financiamento dos concellos máis pequenos.
Na exposición e debate da proposta, o deputado Efrén Castro ratificou a aposta do goberno provincial por esta ferramenta de distribución de fondos que “melloramos durante o mandato en fondos e xestión”, introducindo fórmula para facilitar a tramitación por parte dos concellos, e destacou que “os fondos provinciais son o principal recurso dos concellos para investimentos que melloran a vida das veciñas e veciños”.
Contrapuxo o modelo do goberno provincial ao Partido Popular, lembrando que a Deputación de Ourense, onde gobernan os populares é a unica que non conta cun Plan Único e aludindo as convocatorias con prazos imposibles da Xunta de Galicia, para afirmar que “só lles interesa o Plan Unico cando están na oposición”.
A marca deste goberno é Plan Único, concluíu o deputado, que concluíu remarcado que “se aproban as bases en termo e forma para que os concellos dispoñan dos recursos desde o inicio do ano, como vimos facendo ao longo do mandato”.