Burela, 5 de decembro de 2022. A segunda fase das obras de humanización da rúa Rosalía de Castro están a piques de rematar, segundo asegurou no día de hoxe o alcalde, Alfredo Llano. O rexedor anunciou a colocación de dúas mesas de xadrez neste viario e doutras na praza do Campón e na praza da Mariña “para aumentar as posibilidades de distracción” da veciñanza.
O rexedor contou que “está a punto de rematar unha das obras guapas que estamos facendo aquí, en Burela, que é a segunda fase da humanización da rúa Rosalía de Castro. Está practicamente completada e xa está aberta á circulación dos vehículos, pero falta aínda facer algunha cousa importante como a pintura e a colocación de diferente mobiliario urbano, o que estará rematado en pouco tempo e así quedará lista”.
Llano subliñou que “unha das novidades que queremos implantar nesta rúa é a colocación dunhas mesas de xadrez porque agora gaña moito espazo do lado que está pegado ao parque pois hai unha peonalización dese lado dereito, segundo se vén cara o parque, e queremos ampliar as posibilidades do propio parque en cuestións lúdicas que poden ser moi motivadoras, como poden ser dúas mesas de xadrez. Tamén colocaremos outras dúas: unha na zona do parque de O Campón, cerca do hospital, e outra posiblemente na Praza da Mariña. Con isto queremos incentivar aos rapaces e a persoas de calquera idade a que practiquen o xadrez na rúa, para o que tamén vamos organizar partidas simultáneas e campionatos, para facer unha actividade nova e que a xente teña máis onde elixir. Con isto aumentaremos as posibilidades de distracción e de ocupación”.
Rúa Lamestra
O alcalde burelés comentou que “ademais en pouco tempo vanse iniciar as obras para mellorar outra rúa, a da Lamestra, que tamén está pegada ao parque de Rosalía. O que se vai facer é adoquinar esa rúa e dotala de mobiliario que complete e complemente ao que hai no parque, de tal maneira que nesa zona haxa moita máis seguridade para os peóns porque aí vai ser cen por cen peonil. Entón aumentaranse as posibilidades do parque, co mobiliario que se vai colocar, e tamén se incrementará a seguridade”.