Mónica Freire: “O que non arde amósanos que, traballando da man dos gandeiros e gandeiras, se pode avanzar cara un modelo de xestión do monte que actúe como barreira fronte aos incendios”
Lugo, 9 de decembro de 2022. A Xunta de Goberno aprobou este venres a resolución das axudas ao silvopastoreo convocadas pola área de Medio Rural no marco do programa de prevención de lumes “O que non arde”.
As achegas, dirixidas a ganderías de ovino, cabrún e porcino, contribuirán a consolidar vintecinco proxectos de pastoreo en extensivo en terreos agrícolas e forestais, cun investimento total de 60.000 euros.
A deputada Mónica Freire explicou que “se recibiron máis de medio cento de solicitudes, que se avaliaron dacordo cos criterios establecidos nas bases, resultando 25 beneficiarios, que están a desenvolver proxectos de pastoreo en distintos puntos do territorio da provincia” e remarcou que “por terceiro ano consecutivo esgotamos o orzamento destinado ao programa demostrando que, traballando da man dos gandeiros e gandeiras e atendendo ás necesidades que formulan, se pode avanzar cara a un modelo de xestión do monte que fomente a actividade produtiva e prime o coidado e a conservacións do territorio, actuando como barreira fronte a ameaza dos incendios”.
Segundo se recolle na resolución aprobada, que se publicará mañá sábado no Boletín Oficial da Provincia, entre as entidades beneficiarias figuran 21 ganderías, que levarán a cabo investimentos na adquisición, reparación ou instalación de valados fixos ou móbiles e pastores eléctricos, así como doutros elementos como curros, mangas de manexo e comedeiros e bebedeiros móbiles para facilitar o manexo e rotación do gando.
Neste capítulo, fináncianse tamén deseños e actuacións innovadoras nos peches e elementos auxiliares para o silvopastoreo, como o deseño e construción dun refuxio modular e desmontable para o gando ou a instalación de mallas de control de malas herbas que impidan o crecemento de vexetación que poida derivar a corrente eléctrica xunto aos peches.
Tamén se benefician das axudas catro asociacións gandeiras, que están xa na actualidade implementando pprogramas de asesoramento e fomento do silvopastoreo cos seus asociados, trasladando esta formación a centos de gandeiros e gandeiras espallados ao longo de toda a provincia.
Terceira edición dun programa pioneiro
“O que non arde´” é o primeiro programa impulsado pola Deputación de Lugo en relación coa prevención de lumes e a xestión integral do monte. Na súa primeira edición, en 2020, o programa implementouse a través da colaboración cos concellos, que puideron solicitar axudas de Medio Rural para a roza e limpeza das faixas secundarias de proteción da rede viaria municipal, así como para o mantemento da rede de faixas de xestión de biomasa coa plantación de especies arbóreas autóctonas.
Na pasada edición, a convocatoria orientouse ao fomento do pastoreo preventivo por parte das comunidades de montes veciñais en man común, logrando o mantemento e limpeza de 313 hectáreas de monte en terreos de faixas de protección contra os lumes e na súa contorna.
A iniciativa foi seleccionada entre os tres mellores proxectos de apoio á gandeiría extensiva desenvolvidos desde as administracións locais en España pola asociación non gubernamental de ámbito internacional WWF Adena.