Na demanda participan 16 empresas que agrupan a 21 barcos vinculados á OPP do Porto de Burela, preocupados polo impacto moi grave que este Regulamento supón para a viabilidade económica da frota.
A OPP-7 Burela mostra así a súa desconformidade co devandito Regulamento da Comisión Europea ao considerar que a veda de pesca que se impón nas zonas identificadas é ilegal por discriminatoria e desproporcionada, polo que solicita ao TXUE a anulación do devandito Regulamento.
Ademais, a Comisión non tivo en consideración o impacto socioeconómico real do Regulamento, xa que, segundo os datos recabados pola OPP Burela, tan só nos primeiros 50 días desde a súa entrada en vigor xa supuxo un descenso de máis do 30% no volume de capturas. De manterse esta situación, os escenarios que se manexan desde o Porto de Burela alertan de danos irreversibles para a súa frota.
O Recurso de Anulación presentado pola OPP Burela, que se basea en diferentes estudos e datos acreditados por diversas entidades, apóiase nunha serie de puntos principais:
Sostén que a prohibición de pesca imponse de forma indistinta sobre artes de pesca que por definición son completamente diferentes, ignorando as características técnicas particulares de cada unha delas e o seu impacto radicalmente distinto no fondo mariño.
As sociedades que integran a OPP do Porto de Burela utilizan o palangre demersal para a pesca de pescada, arte de pesca recoñecido como o máis sostible e compatible coa protección dos fondos mariños segundo a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura, así como outras entidades públicas e privadas.
O Regulamento da Comisión vulnera o principio de non discriminación, dado que impón restricións non uniformes nas augas dos distintos Estados Membros.
Á hora de redactar este Regulamento non se tivo en conta a mellor información técnica dispoñible, dado que se utilizaron estudos técnicos nos que se recoñecía que non se puido ter en conta a actividade pesqueira con artes fixas (a pesar de que a restrición de pesca afectaba igualmente a estas artes).
O Regulamento empregou unha metodoloxía inadecuada e desproporcionada ao delimitar as zonas nas que facía efectiva esta restrición para as artes fixas en xeral e o palangre en particular.