Despois de proxectar 4 documentais e 3 longametraxes, este sábado finalizaremos este ciclo que nos permitiu gozar do mellor cine galego, grazas á Academia Galega do Audiovisual e á Área de Cultura da Deputación de Lugo.
Jacinto está protagonizada por Pedro Brandariz, que interpreta a un neno duns nove anos atrapado no corpo dun home de case cincuenta. Jacinto vive en Mallou, unha pequena aldea abandonada entre as montañas, coa única compañía dos seus pais e da súa mascota.
Todo este pequeno mundo cambia coa chegada dunha nova parella de veciñas: Alex e Ana, dúas artistas suecas que buscan un lugar tranquilo e sen distraccións onde poder gravar o novo disco da súa banda. Jacinto comeza a sospeitar que as novas habitantes de Mallou son vampiras que planean rematar coa súa familia para controlar a aldea. Para impedilo, elabora un plan, aplicando todo o aprendido vendo películas de terror.
A concelleira de Xuventude, Gema Méndez Leivas, anima a acudir a esta última proxección, dunha longametraxe que acadou 4 premios Mestre
Mateo: dirección de arte, interpretación masculina protagonista, maquillaxe e perruquería, e vestiario..
Este sábado 3 de decembro, ás 18:30h na Casa da Cultura, despedimos o mellor cine galego por este ano.