En 7 anos de loita polo público, nunca nos sentimos tan pequenos como o pasado verán, cando todos os xornais recollían en portada a chegada salvadora do señor alcalde de Ribadeo ás portas de ferro da illa Pancha, para abrilas por mandato da Autoridade Portuaria, como se estivese a liberar aos prisioneiros dun campo de concentración. O espectáculo, dunha teatralidade sen precedente, parecía escenificar unha heroicidade onde en realidade só había acatamento. Con todo, as ameazas de aparecer cunha radial para acabar despegando unha placa, marcaron os titulares dun momento cinematográfico entre «A matanza de Texas» e o desembarco de Normandía.
A resolución do TSXG contra a empresa concesionaria e a resolución de Portos de abrir a illa son unha excelente noticia, a pesar da inacción da Autoridade Portuaria durante todo este tempo e os notables esforzos do Concello por cubrir de silencio o asunto, sen esquecer a súa gran habilidade para surfear as ondas do Panchorro segundo van vindo.
Por nuestro faro dirixiuse a Portos de Ferrol-San Cibrao en numerosas ocasións, pero aínda máis ao Concello de Ribadeo, por ser este, en última instancia, quen daba as licenzas de obra e de apertura, a pesar de non contar con fosa séptica legalizada, con informe ambiental, e non respectar a apertura ao público, que era a condición explícita para a concesión de devandita licenza. Tiveron que aparecer sentenzas do TSXG (tras unha denuncia do concesionario ao Concello, non por ningunha iniciativa do alcalde) e a resolución definitiva de Portos para que Fernando Suárez acudise ás portas dunha Illa Pancha que levaba 7 anos pechada aos ribadenses.
Nestes anos a asociación de veciños Por nuestro faro dirixiuse ó Valedor do Pobo, organismo en Galicia encargado de facer respectar a transparencia e o dereito á información, para reclamar respostas ao Concello de Ribadeo. Tamén nos diriximos ó Defensor do Pobo en varias ocasións, quen nos deu a razón e pedira o informe ambiental a Portos de Ferrol-San Cibrao: trátase dun informe inexistente aínda a día de hoxe, xa que Portos non o esixiu á empresa concesionaria nin o Concello mostrou ningún interese por esixilo a Portos. Igualmente dirixímonos a Ecoloxistas en Acción para exporlles o problema, quen ante o silencio reiterado das institucións, decidiron outorgar a bandeira negra 2022 á Illa Pancha.
Tamén chamamos recentemente ás portas do grupo parlamentario do BNG cando nos decatamos de que o Bloque reclamaba a illa da Creba como pública, traballando de xeito conxunto xunto á ‘Plataforma pola recuperación da illa da Creba’. Un BNG en defensa do público era todo o que a asociación «Por nuestro faro» quería para Ribadeo. Pouco despois empezaron a moverse as cousas, e, aínda que ninguén dos de aló arriba nos mencionounos en ningún momento, os agradecementos doutros fannos pensar que estes anos de loita non foron en balde.
Pero non imos perder o tempo dándonos palmadiñas no ombreiro. En primeiro lugar estimamos, e así o di a lei de Costas, que a natureza e o mar non debe ter portas. Dicir que podemos entrar de tal hora a tal hora nunha praia como se fose un museo é pouco menos que ridículo. Porque, se pór portas ao campo é posible é debido á privatización dun espazo que nunca debeu ser explotado por particulares. Seguimos pensando que a illa Pancha é de todos, e iso non será efectivo mentres haxa unha porta e un negocio dentro.
Obtivemos o acceso libre en horario restrinxido, e é un triunfo, pero non a panacea que nos vende estes días na prensa o noso alcalde. É inaceptable declarar: «nada temos que obxectar ás actividades que o Estado poida concesionar nesta illa», como xa declarou outras veces, e despreocuparse das consecuencias. Iso significa que a illa non é de Ribadeo senón do goberno español de quenda, -neste caso foi o PP de Rajoy o que impulsou a reconversión dos faros en hoteis a través do programa «Faros de España»- e que pode facer o que considere oportuno. É dicir, que alí poden montar a marimorena, sexa ou non patrimonio público, sexa ou non un lugar emblemático para Ribadeo, sexa ou non un espazo protexido pola lei Natura 2000.
Seguimos sen estudo de impacto ambiental, e descoñecemos se o alcalde vai esperar outros 7 anos para reclamalo como mensaxeiro de Portos, a Xunta ou o goberno español, así que pese á nosa insoportable levedade como asociación, dende Por nuestro faro imos seguir esixindo garantías para que a illa Pancha sexa un espazo público e protexido, para todos os efectos. Non como agora, unha illa en mans alleas onde, grazas á sinalización explícita, todo o espazo transitable é unha cafetaría e os seus accesos, en horarios comerciais.
Covadonga Suárez, presidenta da AVV Por nuestro faro