Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación ten listo o seu primeiro Plan de Igualdade para aprobar no vindeiro Pleno

As tres forzas políticas da Corporación provincial acordaron sacar adiante este Plan, que foi asinado polas catro organizacións sindicais representadas na Deputación

Lugo, 23 de decembro de 2022. O Goberno da Deputación de Lugo levará ao Pleno ordinario do vindeiro martes, 27 de decembro, a aprobación do primeiro Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes da institución provincial.

Desta forma, o Executivo marca un fito no camiño cara a igualdade de xénero real e efectiva impulsando un instrumento para a modernización do sistema de xestión, que contempla 7 eixos de actuación que abarcan todos os ámbitos, desde a selección de persoal á promoción, pasando pola política salarial, a ordenación do tempo de traballo e a conciliación.

As tres forzas políticas da Corporación provincial acordaron nunha Xunta de Voceiros sacar adiante este Plan, elaborado no seo dun comité encargado de coordinar os traballos, formado polas deputadas de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e de Muller e Igualdade, María Loureiro, por persoal das áreas de Recursos Humanos e de Igualdade, e por representantes sindicais dos traballadores e traballadoras da institución.

Entre as materias que aborda o acordo, asinado polas catro organizacións sindicais representadas na Deputación, está o proceso de selección e contratación, a clasificación profesional, a formación, a comunicación e linguaxe non sexista, as condicións de traballo, o exercicio corresponsable dos dereitos da vida persoal, familiar e laboral, a baixa representación feminina e a prevención do acoso sexual ou por razón de sexo. “Trátase dun documento que permite avanzar e que se poderá ir modificando segundo sexa necesario”, sinalou a Deputada de Réxime Interior.

Pilar García Porto destacou os bos resultados obtidos no informe e estudo inicial realizado pola institución provincial, “pero aínda temos que seguir traballando para acadar a modernización dun sistema de xestión da institución que garanta unha estrutura interna e unhas relacións coa sociedade guiadas pola igualdade de xénero”.

Unha vez aprobado no Pleno, o primeiro Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes da Deputación de Lugo entrará en vigor o día seguinte á súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.

Exit mobile version