Son aproximadamente o 25% das persoas que participaron na liña Enfoca o teu futuro deste programa impulsado pola institución provincial coa colaboración da Escola de Organización Industrial, no marco do que se realizaron un total de 26 accións formativas
Esta liña do Reiníciate, que comezou a primeiros de ano, contou con axudas dun importe total de 210.000€ para empresas e asociacións da provincia interesadas en contar con rapaces e rapazas de entre 16 e 30 anos en réxime de prácticas non laborais remuneradas.
Enfoca o teu futuro xa contou con formacións teóricas e prácticas que sumaron un total de 159 horas. Impartíronse de maneira semipresencial, dándolle ao alumnado un trato personalizado e fomentado o traballo en equipo. A formación estivo dirixida, principalmente, á adquisición de coñecementos e tarefas vencelladas ás novas tecnoloxías, á dixitalización e á administración electrónica con contidos diversos como community manager e márketing dixital, xestión informática para pemes e asociacións, xestión informática para licitacións públicas, xestión comercial e redes sociais.
Dixitaliza a túa empresa
Por outra banda, mañá luns comezará unha nova edición da formación do Reiníciate: dixitaliza a túa empresa, unha liña de formación e de asesoramento personalizado e gratuíto para axudar ás empresas a aproveitar os recursos das novas tecnoloxías para modernizar e mellorar o seu negocio. En total, xa participaron 320 persoas neste programa.
Reiníciate: dixitaliza a túa empresa, impulsado tamén pola Deputación e a EOI, inclúe un acompañamento real, individualizado e personalizado para cada unha das empresas que decidan beneficiarse desta iniciativa, facilitando que cada unha delas teña o seu propio ritmo e un plan para dar resposta ás súas necesidades específicas da mellor maneira posible. A formación parte dende o punto no que estea cada negocio participante en materia dixital. En concreto, desenvólvense accións prácticas como a realización ou actualización da páxina web, a creación ou mellora das redes sociais, o posicionamento na rede, o márketing dixital ou a implantación de programas de xestión ou facturación, entre outras.