Lugo, 3 de decembro de 2022. O Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, asistiu este sábado á xunta xeral da Federación Provincial de Confrarías que se reuniu co obxectivo de renovar a súa directiva provincial, presidida por Basilio Otero. García Pernas felicitou ao colectivo polo “traballo serio e rigoroso”, do que destacou estar “guiado polo compromiso coa defensa do noso sector pesqueiro e dos seus homes e mulleres”.
Neste sentido, o Deputado chamou a atención sobre a situación que está a atravesar o sector pesqueiro da Mariña polas decisións tomadas en Europa, “medidas que se deciden nos despachos sen coñecer en profundidade a realidade do mar” e puxo en valor o traballo das confrarías para contrarrestar ese descoñecemento, sinalando que a Deputación de Lugo apoiará sempre as súas reivindicacións e as da comarca, “que non vai deixar de reclamar melloras nos servizos públicos, en infraestruturas de comunicacións e un plan de reindustrialización”.
Desexou o mellor á nova xunta directiva e comentou que “a pesca é tradición, cultura e costumes, pero segue a ser hoxe unha ferramenta imprescindible para construír o futuro da comarca”, sinalou Roberto García, que valorou a “excelente” imaxe do sector primario lucense no resto de España e nos mercados internacionais grazas a uns produtos de calidade que axudan a perfilar a oferta turística da provoncia de calidadd e sostible.