Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación apoia a XV Feira de Antigüidades da Pontenova, que se celebra ata o martes

O Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, asistiu xunto ao Alcalde, Darío Campos, e ao tenente de Alcalde, Francisco Martínez, no acto de apertura deste evento, que organiza o Concello na Praza dos Fornos coa presenza duns 60 expositores

Lugo, 3 de decembro de 2022. O Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, asistiu este sábado á inauguración da XV Feira de Artesanía e Antigüidades da Pontenova, xunto ao Alcalde da localidade, Darío Campos, e ao tenente de Alcalde, Francisco Martínez. Un evento que organiza o Concello na Praza dos Fornos ata o martes coa presenza duns 60 expositores.

García Pernas recoñeceu o gran labor feito polo Concello con este evento e a súa traxectoria, “o que é un bo síntoma tamén de que a artesanía e as antigüidades interesan e teñen futuro”. Nas súas palabras deixou patente que esta é unha iniciativa “moi importante para dar a coñecer e poñer en valor o traballo que hoxe están a facer os artesáns e anticuarios de Galicia e doutras partes de España. Unha proba máis de que a Galicia rural está chea de talento e de ideas, que só precisan o respaldo de políticas públicas intelixentes para multiplicar o seu impacto socioeconómico no rural”.

“Dende a Deputación mantemos unha liña de apoio ós nosos artesáns, porque manteñen vivos os nosos sinais de identidade, os oficios que forman parte das nosas raíces e da nosa cultura, e porque forman parte importante do tecido produtivo. Xunto co turismo sostible, o coidado do medio ambiente ou a modernización do sector primario, a actividade artesán permite artellar políticas transversais de desenvolvemento do rural”, asegurou.

O Deputado incidiu en que “temos que seguir reclamando servizos e infraestruturas de calidade para o rural, porque os artesáns e anticuarios precisan, por exemplo, de boa cobertura de internet para poder levar a mercados máis amplos os seus produtos; boas estradas para facilitar o transporte dos mesmos; e servizos públicos para que eles e as súas familias poidan desenvolver o seu proxecto vital e económico no noso rural”.

60 expositores
Neste evento danse cita trinta anticuarios e outros tantos artesáns, acadando os 60 expositores que veñen de toda España, Francia e Portugal. Haberá demostracións en directo de oficios e tamén exhibicións do traballo na forxa do ferro, cestaría de vimbio, lámpadas de cabaza, fiado de fibras naturais ou tornos de madeira, entre moitas outras actividades.

Exit mobile version