A Xunta de Goberno aprobou colaborar co Concello para a mellora deste espazo no que se celebran eventos importantes para a comarca como a Feira do Mel
Lugo, 9 de decembro de 2022. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres un convenio de colaboración co Concello de Muras mediante o cal a institución provincial achegará 409.000€ en dúas anualidades para acometer o proxecto de mellora e humanización do Campo da Feira do Viveiró. Así o anunciou esta mañá a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, que detallou que o importe total para acometer as obras é de 460.000€, aportando o municipio chairego o 10% restante.
“A colaboración económica que aprobamos hoxe servirá para darlle unha nova imaxe e para facer máis accesible e cómodo para a veciñanza un espazo social tan importante como o Campo da Feira do Viveiró, que acolle eventos importantes para este municipio e para a comarca como pode ser a Feira do Mel”, sinalou García Porto. Unha actuación que se suma ás obras de reordenación e acondicionamento xa acometidas na Praza da Galeguidade desta vila, que financiou integramente a Deputación con 220.000€.
Un exemplo máis, segundo destacou a Deputada, “da continua colaboración que dende a Deputación de Lugo prestamos ós 67 concellos da provincia para que poidan ofrecer máis e mellores servizos ós seus veciños co obxectivo de fixar poboación no territorio”.
Mantemento dos ascensores
A Xunta de Goberno aprobou tamén a adxudicación do contrato para a prestación do servizo de mantemento dos ascensores das distintas dependencias da Deputación de Lugo, situados no Pazo de San Marcos, no Fogar de Santa María, no Museo Provincial, no Centro de Formación Audiovisual, no edificio que albergaba a extinta SUPLUSA e no Pazo de Tor.
Otis Mobility SA é a empresa que resultou adxudicataria deste contrato, por un período de dous anos, a contar dende o vindeiro 1 de xaneiro, e por un importe de case 10.000€.
Programa de Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios
A Xunta de Goberno aprobou tamén o último paso administrativo para o pago de novas subvencións outorgadas a diferentes asociacións da provincia dentro do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios. Son preto de 26.000€ que a Deputación fará chegar a 5 entidades doutros tantos concellos da provincia -A Fonsagrada, Begonte, Riotorto, Taboada e Baleira- que solicitaron estas axudas para diferentes actuacións, como a mellora de accesos a vivendas, de traídas ou depósitos de augas, ou de antigas escolas e locais sociais.
Este programa da Deputación de Lugo beneficia a un total de 55 colectivos, que recibiron un importe conxunto de 300.000€ co obxectivo de mellorar a calidade de vida e o benestar dos veciños e veciñas do rural.