O vindeiro domingo 8 de xaneiro terá lugar un ano máis a carreira popular de Reis organizada dende o 2020 pola área de Dinamización do Concello de Barreiros e que contará coa súa tradicional andaina con saída dende o campo de fútbol O Cascabeiro.
Na presente edición, o Concello de Barreiros, colaborará coa asociación Saúde Mental A Mariña doando o importe íntegro da andaina a maiores do 30% da carreira absoluta. Tamén se habilitará, como novidade, un “dorsal 0” no que calquera persoa pode ser parte desta colaboración sen ser preciso anotarse a ningunha das probas.
Durante o pasado mercadiño de Nadal, evento no que o Concello de Barreiros tamén colaborou coa asociación Saúde Mental A Mariña, a directora de dita entidade María José Nóvoa Rodríguez deu entrega de dous trofeos realizados a man por usuarios da asociación que serán entregados ós vencedores absolutos da carreira.
Primeira proba do Circuíto +KmsBarreiros 2023
A Carreira de Reis será a primeira proba do Circuíto +KmsBarreiros polo que todos os participantes inscritos nesta carreira (en categorías competitivas) sumarán puntos nunha edición que chega cargada de novidades e que será presentada nos vindeiros días.
Toda a info en www.maiskmsbarreiros.gal