Site icon Crónica3.com A Mariña

A beleza do noso mundo e o clamor pola sostibilidade, reunidas en Foz na mostra «O noso planeta»

Unha mostra con imaxes sorprendentes que se enmarca en «Corrente cultural», un proxecto de ABANCA e Afundación co Concello de Foz

Foz, 6 de decembro, 2022. Este luns tivo lugar o acto de inauguración da mostra «O noso planeta», o novo proxecto expositivo conxunto de Afundación, ABANCA e o Concello de Foz. O acto contou coa presenza do alcalde do Concello de Foz, Francisco Cajoto; o coordinador Institucional de ABANCA en Lugo, Óscar Rodríguez; a directora Territorial de ABANCA en Lugo, Zaira Dapena; o director de Zona A Mariña de ABANCA, Carlos Teijeiro; o director da oficina ABANCA en Foz, Antonio Rañón; e a coordinadora Institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano. A mostra poderase visitar ata o vindeiro 5 de xaneiro no CENIMA de Foz, de luns a venres en horario de 9.00 a 14.00 h.

«O noso planeta», reflexo do compromiso de Afundación coa sostibilidade e a protección do medio ambiente, está baseada na recoñecida serie homónima producida por Netflix que bateu todos os récords de audiencia da súa programación, superando calquera serie ou película da súa carteleira.

A proposta da Obra Social de ABANCA consiste en presentar unha exposición cuxa visita se concibe como unha actividade para todos os públicos, na cal a diversidade de formatos e a aprendizaxe son partes fundamentais. Así, a mostra conta nas súas diferentes seccións con elementos sorprendentes.

Esta mostra incide na importancia do coidado e do respecto cara ao medio ambiente como única vía para unha vida sostible. Seguindo os pasos da serie de Netflix, un proxecto coordinado por Alastair Fothergill e Keith Scholey, a exposición percorre desde as minguantes selvas tropicais ata a sobreexplotada alta mar, ilustrando a destrución sen precedentes da natureza a mans do ser humano, pero dirixindo todas as esperanzas cara á súa incrible capacidade de recuperarse. «Mundos de xeo», «Auga doce», «Pradarías», «Desertos», «Bosques», «Selvas», «Litorais» e «Alta mar» son os apartados nos que se reparten as fotografías que compoñen a mostra e a través das que se ilustra a biodiversidade do noso planeta, sempre acompañadas por un texto divulgativo, redactado polos máis importantes especialistas en cada campo desde perspectivas biolóxicas, ecolóxicas ou medio ambientais.

Ademais, esta mostra está incluída no programa solidario de Afundación «Cultura por alimentos» mediante o cal as persoas que visiten as actividades da Obra Social de ABANCA poden doar alimentos non perecedoiros a modo de entrada.

Exit mobile version