Site icon Crónica3.com A Mariña

A Aula do mar, da Asociación de Saúde Mental A Mariña, desenvolvida a través do GALP, elexida mellor proxecto de diversificación nos Premios Economía Azul

Os grupos de acción local do sector pesqueiro galego desenvolveron entre 2016 e 2021 máis de 660 proxectos cun investimento total de máis de 80 millóns de euros e a creación de 470 empregos a tempo completo

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2022. As conselleiras do Mar, Rosa Quintana, e de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participaron hoxe no acto de entrega da terceira edición dos Premios Economía Azul, uns galardóns que pretenden recoñecer o labor de catro proxectos sustentables dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) que contribúen a dinamizar a súa contorna. Precisamente, a titular de Mar salientou o esforzo que realizan os GALP na posta en marcha de iniciativas que permiten impulsar a economía das zonas costeiras e preservar o patrimonio e a cultura mariñeira na súa área de influencia.

Rosa Quintana subliñou que os catro gañadores nesta edición -froito dos preto de 4.500 votos rexistrados- son unha pequena mostra da aposta constante destes grupos polo mundo do mar en todas as súas vertentes, desde as actividades vencelladas coa extracción e a valorización dos produtos do mar ata a difusión e protección dos sinais de identidade das localidades pesqueiras e costeiras da comunidade.

Pola súa parte, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda subliñou a importancia que teñen este tipo de galardóns xa que permiten recoñecer e darlle visibilidade a proxectos de gran valor ambiental para avanzar na protección dos valores e da riqueza natural que caracteriza á costa galega.

A modo de exemplo, referiuse á iniciativa Plancton (Plan de conservación territorial-ON), promovida pola obra social de Abanca e a quen lle entregou precisamente hoxe, xunto á conselleira do Mar, un recoñecemento especial. Tras subliñar que se trata dun proxecto multidisciplinar no que tamén colabora a Xunta e que busca reducir a presenza de residuos en zonas costeiras protexidas, Ángeles Vázquez incidiu no problema que supón a nivel global o lixo mariño e na importancia de promover accións que, coma esta, sensibilicen á sociedade e minimicen o seu impacto.

Ao acto de entrega dos premios, que se celebrou na Cidade da Cultura, tamén asistiron distintos representantes da Consellería do Mar como a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, así como as presidentas e presidentes dos GALP de Galicia e outras autoridades dos municipios costeiros galegos.

A iniciativa premiada na categoría de Apoio á pesca costeira artesanal foi o proxecto Acondicionamento do espazo da lonxa de Portonovo para a mellora do uso turístico e comercial implantando novas tecnoloxías – LonxaTour, promovido pola confraría de pescadores de Portonovo ao abeiro do GALP Ría de Pontevedra.

No ámbito da Creación de Emprego o gañador foi Produción de algas comestibles das Rías Baixas galegas, impulsado pola empresa H. Q. Seaweed a través do GALP Ría de Vigo-A Guarda. Mentres, na categoría de Diversificación resultou premiada a acción Creación da aula do mar A Mariña, posta en marcha pola Asociación de Saúde Mental da Mariña baixo o paraugas do GALP A Mariña-Ortegal.

O cuarto premio, sobre Economía Circular, correspondeu ao proxecto Centro de transformación do lixo mariño, promovido pola Asociación de mulleres do sector pesqueiro Seo de Fisterra e Ría de Muros-Noia, ao abeiro do GALP Costa Sostible.

Premio especial

Esta edición dos Premios Economía Azul inclúe un recoñecemento especial ao proxecto Plancton, desenvolvido por Afundación (a obra social de Abanca) en 2021 e que permitiu retirar nese ano case 19 toneladas de residuos dos areais e fondos mariños de distintas zonas costeiras da comunidade.

O obxectivo deste galardón é destacar unha acción realizada á marxe dos GALP e que ten unha importante relevancia para o conxunto do sector, especialmente no que ten que ver coa protección do medio ambiente. De feito, nesta acción -que está a ter continuidade en 2022- participaron preto de 800 persoas voluntarias tanto de Abanca e Afundación como doutros colectivos do sector pesqueiro e marisqueiro e outras entidades que participaron directamente nas xornadas organizadas para a limpeza de fondos e costas.

Durante o acto a conselleira do Mar salientou o traballo dos grupos de acción local do sector pesqueiro a prol da dinamización das zonas costeiras e da diversificación da súa actividade económica. Neste sentido, lembrou que os máis de 660 proxectos desenvolvidos entre 2016 e 2021 ao abeiro dos GALP contaron cun investimento total de máis de 80 millóns de euros e permitiron crear 470 empregos a tempo completo. Mentres, a actividade inducida acadou os 230 millóns de euros -o 0,36% do PIB de Galicia- e supuxo a xeración de máis de 5.000 postos de traballo entre directos e indirectos.

Rosa Quintana tamén incidiu en que os proxectos premiados xeraron importantes beneficios para o sector pesqueiro e para a súa área de influencia contribuíndo á creación de emprego, ao reforzo da identidade da cultura e do patrimonio local, introducindo elementos innovadores e creando oportunidades para as mulleres e a mocidade no sector marítimo-pesqueiro galego.

Os galardóns

Os Premios Economía Azul, que chegan á súa terceira edición tralas de 2017 e 2019, están promovidos pola Consellería do Mar a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro. Con eles preténdese recoñecer ás entidades e persoas promotoras dos proxectos destacados subvencionados ao abeiro das axudas concedidas no marco das estratexias de desenvolvemento local participativo, dar visibilidade ao labor dos GALP na dinamización das zonas do litoral e animar a potenciais promotores a que presenten iniciativas coas que impulsar o sector marítimo-pesqueiro e preservar o patrimonio costeiro.

Os 12 finalistas foron seleccionados por unha comisión da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro entre as propostas presentadas polos GALP tendo en conta os beneficios que xeraron para o sector e a súa área de influencia. A elección dos proxectos gañadores realizouse mediante unha votación pública entre os días 4 e 25 de novembro na que participou a cidadanía -contabilizándose preto de 4.500 votos- a través da páxina web https://galp.xunta.gal/. Os galardóns non teñen dotación económica, pero supoñen un recoñecemento público para os proxectos destacados en cada unha das categorías.

Os proxectos gañadores nesta terceira edición dos Premios Economía Azul foron:

Mellor proxecto de apoio á pesca costeira artesanal: Acondicionamento do espazo da lonxa de Portonovo para a mellora do uso turístico e comercial implantando novas tecnoloxías – LonxaTour. Este proxecto da confraría de pescadores de Portonovo, ao abeiro do GALP Ría de Pontevedra, busca mellorar a comercialización dos produtos pesqueiros da lonxa local e mellorar a oferta de turismo mariñeiro no centro de primeira venda impulsando tamén a sensibilización medioambiental.

Mellor proxecto de creación de emprego: Produción de algas comestibles das Rías Baixas galegas. A iniciativa posta en marcha pola empresa H.Q. Seaweed SL baixo o paraugas do GALP Ría de Vigo-A Guarda pretende avanzar no proceso de envasado e etiquetado das algas así como na súa comercialización. Trátase de poñer en valor este recurso do mar de Galicia que cada vez conta con maior demanda e maiores posibilidades no ámbito da gastronomía.

Mellor proxecto de diversificación: Creación da aula do mar A Mariña. Este proxecto da Asociación de Saúde Mental A Mariña, desenvolvido a través do GALP A Mariña – Ortegal, está dirixido a persoas con enfermidade mental crónica e pon en valor o patrimonio costeiro e os recursos patrimoniais e ambientais da Mariña lucense.

Mellor proxecto de economía circular: Centro de transformación do lixo mariño. Esta iniciativa impulsada pola Asociación de mulleres do sector pesqueiro Seo de Fisterra e Ría de Muros-Noia ao amparo do GALP Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia Costa Sostible ten como obxectivo aproveitar e reutilizar os residuos mariños recuperados na contorna costeira, especialmente aqueles derivados da actividade pesqueira.

Exit mobile version