O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso explicou que “poderemos atopar repostería, marmeladas, xoguetes ou unha gran diversidade de complementos e elementos de deseño e ilustración. Nesta ocasión ademais o alumnado dos centros CEIP Gregorio Sanz, Sagrado Corazón e o IES Dionisio Gamallo tamén contarán cun espazo no mercado que utilizarán para recadar fondos para as viaxes de fin de curso”.
Vizoso Galdo asegurou que “serán uns días con moita actividade, tanto para os máis pequenos, que poderán gozar entre outras cousas dun espectáculo de circo, música e obradoiros infantís, como para os maiores”.
O edil ribadense indicou que “a apertura do Mercado do Nadal será o mércores, día 7, ás 17 horas, mentres que as demais xornadas ata o 11 o horario será de 11 a 14.30 horas polas mañás e de 17 a 21 horas polas tardes. Animamos a todas as persoas de Ribadeo, da contorna ou visitantes a achegarse a desfrutar do ambiente que se crea no mercado, así como das actividades de lecer que terán lugar eses días nas inmediacións do Parque de San Francisco”.