Site icon Crónica3.com A Mariña

1º Aniversario de Mariña Marabillosa

A Mariña, 10 de decembro, 2022. Neste mes de decembro de 2022 vén de cumprirse un ano dunha orixinal e fermosa iniciativa. Persoas dos 16 concellos da Mariña Lucense (Vicedo, Xove, Viveiro, Ourol, Burela, Foz, Cervo, Barreiros, Mondoñedo, Lourenzá, Alfoz, Valadouro, Trabada, Pontenova, Riotorto e Ribadeo) decidiron colaborar para que a súa comarca tivese un programa de radio propio. Coa colaboración das tres emisoras de radio existentes na Mariña (Radio Valadouro, Radio Burela e Radio Foz) e a través da emisión en red para o resto do mundo, iniciaron o programa de entrevistas Mariña Marabillosa, que, o primeiro sábado de cada mes, durante entre 6 e 8 horas de emisión, pon en contacto aos mariñáns (e os que non o son) a través da radio.

En cada concello o correspondente concreto fai a súa entrevista e logo emítense xuntas, acompañadas dunha parte humorística, na que Dorinda e Venancio, dous mariñáns máis, comentan as entrevistas e os personaxes que nelas saen. Entre entrevistas de xente famosa (como a do atleta olímpico Adrián Ben, o xornalista Gonzo, o bispo da diócese de Mondoñedo Ferrol, Fernando García Cadiñanos, etc.) saen outras entrevistas de xente anónima, aínda que non por iso menos interesantes, como a que se lle fixo a María do Porrollo, unha anciá de 106 anos que vive en Riotorto, ou a entrevista conxunta aos usuarios da residencia de anciáns San Bartolomeu de Xove. Deporte, música, cultura, economía, política… todo ten cabida no programa e dunha forma sempre amable e con bo humor.

É unha forma de poñer en valor o diálogo entre a xente, a convivencia, a proximidade afectiva dos habitantes da nosa comarca e o labor cultural e radiofónico de xente anónima (non profesional) que ama a radio e a comunicación. Entre os reporteiros hai antigos policías, empresarios, membros de corais, perruqueiros, farmacéuticos, gardarríos, xubilados, avogados, animadores culturais, cantantes, etc. Todo un conglomerado de xentes unidad por un mesmo sentir radiofónico e comarcal. Para celebrar o aniversario, xuntáronse todos na Casa da Roxa, en Vilaronte (Foz) este pasado venres, día 9 de decembro. Vai un ano e todos se senten animados a que se xunten moitos anos máis.

Exit mobile version