Por primeira vez ofrecerase un ‘showcooking’ en directo a cargo de Lucas Requejo con merluza do pincho
Viveiro, 9 de novembro de 2022. O Concello de Viveiro cumpre coa súa cita anual e xa está en Xantar 2022, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico que se celebra dende hoxe en Ourense. A vila conta cun stand propio no que ata o domingo se promocionar o atractivo histórico e paisaxístico da comarca, a Semana Santa e a súa gastronomía.
O concello difundirá durante estes cinco días o material de promoción turística así coma os folletos remitidos polos establecementos hostaleiros do municipio. Tamén o stand servirá de punto de encontro con turoperadores e profesionais do sector, xunto co público en xeral que sempre enche Xantar atraído polo amplo programa de actividades.
Son moitas e moi variadas as propostas que presenta o Concello de Viveiro no recinto de Expourense, entre elas o venres ofrecerá unha degustación gratuíta de merluza do pincho do Celeiro acompañada por empanada de merluza do pincho e Pan dos Apóstoles (doce típico de Semana Santa) ás 12.30 horas.
Especialmente atractivo será tamén o ‘Showcooking’ que correrá a cargo de Lucas Requejo ás 13.30 horas con merluza do pincho e que supón a primeira vez que se realiza unha degustación deste tipo en directo. Baixo o epígrafe ‘ADN Gastronómico de Viveiro’, o investigador e divulgador de Ecogastronomía, director da iniciativa Prato-Do e delegado en Galicia da Fundación Ecotur amosará as virtudes do produto estrela da mariña lucense.
A 23ª edición Salón Internacional de Turismo Gastronómico dedicará precisamente este venres aos concellos de Viveiro, Ponte de Lima e á provincia de A Coruña, no que o municipio vivairense estará representado pola alcaldesa María Loureiro, o tenente de alcalde Jesús Fernández e a concelleira de Turismo, Marisol Rey.
Xantar é a única feira internacional de Turismo Gastronómico recollida no calendario oficial de “Ferias Comerciales Internacionales” españolas que publicou a Secretaría de Estado de Comercio do Ministerio de Industria, Comercio y Turismo del Gobierno de España. Cunha traxectoria de 22 anos xa, pon en valor os produtos agroalimentarios de calidade, a elaboración e o servizo profesional, sendo un referente para os destinos enogastrónomicos máis punteiros tanto de España como de Portugal.