Eijo explicou que “o obxectivo é sensibilizar a través da arte dos problemas que xera a contaminación. Estivemos a ver esta mañá que o resultado final destas pinturas é impactante e agardamos que contribúa á concienciar á nosas veciñanza. O feito de tirar unha cabicha ou o envoltorio dun caramelo a través dos sumidoiros pode ter consecuencias graves tanto para o medio ambiente como para a nosa saúde”.
Manuel Andrés Pallín e Marcos Pereira son os artistas que se encargan da realización destas pinturas en 3D. A concelleira de Medio Ambiente indicou que “se trata dunha iniciativa novidosa, na que mesturamos arte coa concienciación social. Gustaríame facer unha chamada de atención á poboación para evitar xestos ou comportamentos que ás veces se fan de xeito automático e que son moi prexudiciais para o medio ambiente”.
O concelleiro de Cultura indicou que “desde a Delegación de Cultura do Concello de Burela e no meu propio nome gustaríame felicitar á miña compañeira Antonia Eijo, a concelleira de Medio Ambiente, pola súa iniciativa que combina medio ambiente e arte nas rúas de Burela, de momento na Eijo Garay, con eses debuxos en 3D de peixes saíndo de sumidoiros, cunha mensaxe moi clara que é O mar empeza aquí. Creo que ten unha parte social de concienciación enorme e é unha idea xenial. Ademais é unha rúa que desemboca nas pinturas murais de Amarte”.
Para José Díaz “isto é traballar en sintonía para apostar polas mesmas cousas. Un dos principais reclamos turísticos de Burela ten que ser a cultura e a arte, que estamos facendo en moitos puntos do pobo. Tamén hai que felicitar a iniciativa doutra compañeira concelleira, Carmela López, polo proxecto Burela in, que quedou impresionante e tamén está na mesma rúa”.
O edil engadiu que “con isto, ademais da ponte Eijo Garay con esa cerámica serigrafiada obra de Martín Cal -un pintor con moitísimo futuro que foi gañador dunha edición de Amarte-, configuramos unha rúa que chama moito a atención, sobre todo aos nosos veciños. Ao final os que vivimos aquí somos os que máis o desfrutamos, pero sen dúbida serve de reclamo turístico xa que en Burela non temos esa actividade que teñen outros concellos a nivel praia e temos que buscar outras alternativas. Nosoutros temos esa oportunidade, empezamos con ela e hai que traballar todos neste mesmo sentido”.