Villares puxo como exemplo o caso de Cervo, “que recibe do Estado unha contía irrisoria que apenas chega para sufragar o 30% do incremento do gasto do día a día que estamos abocados a soportar desde as administracións locais”
Cervo, 22 de novembro, 2022. O vicepresidente primeiro da Fegamp, Alfonso Villares, lamenta a urxencia da Fegamp á hora de facer público un estudo sobre o financiamento dos concellos pasando por alto o debate e a análise sosegada e tranquila previa no seo do organismo e coa Administración autonómica.
Villares precisou que, á marxe do vello debate das competencias e tal e como me trasladan moitos alcaldes e alcaldesas, o tema máis urxente que preocupa na xestión do día a día dos concellos é o da inflación desbocada que non se dá controlado e que está “poñendo entre as cordas a economía das administracións locais”, nomeadamente dos concellos máis pequenos.
O tamén rexedor cervense apunta que os gastos do día a día dos concellos están disparados “e o diñeiro que nos transfire o Estado non chega, nin por asomo, para afrontar esta realidade que oprime as arcas municipais”.
Villares puxo como exemplo as cifras do municipio que goberna, e que se poden extrapolar a calquera concello galego, “o que recibimos do Estado é unha contía irrisoria que non nos chega nin para comezar a sufragar o incremento, por exemplo, do gasto estimado en persoal, electricidade ou combustible”.
Este incremento cifrase en Cervo, este ano, en 316.524 euros –engade- dos cales o Estado sufraga 100.000 euros, unha contía que, evidentemente, “está moi lonxe de aliviar esta situación que asfixia, sobre todo, aos municipios pequenos”, subliñou.