Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mariña conta cunha vivenda tutelada para mulleres vítimas de violencia de xénero con problemas de saúde mental

A propósito do Día Contra a Violencia de Xénero, damos a coñecer este proxecto pioneiro en todo o estado español a través dun pequeno vídeo que se publicará o propio 25N

Cervo, 24 de novembro de 2022. No ano 2018, Saúde Mental A Mariña, asociación federada en Saúde Mental FEAFES Galicia, puxo en marcha un proxecto de vivenda tutelada para mulleres con problemas de saúde mental que son vítimas de violencia de xénero. A propósito do Día Contra a Violencia de Xénero, queremos dar a coñecer este recurso a través dun vídeo que se poderá ver a partir de mañá, 25N, ver nas redes sociais da federación e da asociación.

Esta iniciativa, pioneira en España, busca ofrecer un entorno seguro e atender as necesidades destas mulleres, que ata ese momento non contaban con ningún recurso específico para elas. A atención esténdese a diversos ámbitos como o laboral, o sanitario, o social ou o xudicial, contemplando todos os aspectos necesarios para que poidan desenvolver unha vida lonxe da violencia de xénero.

“Facemos unha atención especializada e levámola a todas as áreas específicas que precisa cada caso”, explica María José Nóvoa, directora de Saúde Mental A Mariña. Engade que esa atención só é posible grazas ao traballo dun equipo interdisciplinar que está dispoñible 365 días do ano ás 24 horas.

Vanesa García, primeira coordinadora que tivo a vivenda, asegura que as necesidades destas mulleres van máis alá da atención psicolóxica: “Cando chegan, presentan grandes carencias e moitas delas non se ven, como a autoestima ou crer nas súas capacidades. Por iso, hai que atender aspectos moi diversos”.

Tras unha primeira valoración de acollida ás mulleres que ingresan na vivenda, elabórase un proxecto individual de intervención adaptado a cada caso, xa que existen perfís moi diversos: “Temos mulleres con estudos superiores, mulleres con dificultades na lectoescritura; mulleres con apoio familiar, mulleres sen apoios; mulleres que teñen fillos, mulleres que non os teñen…”, explica Diana Durán, a actual coordinadora da vivenda protexida.

Desde que arrancou a iniciativa no 2018, a vivenda acolleu a 17 mulleres e dúas crianzas. No que vai de 2022, foron atendidas 5 mulleres e unha bebé, pois neste proxecto acóllese ás mulleres que o precisan e tamén ás súas fillas e fillos, ou mesmo a ascendentes con algún tipo de dificultade, de ser o caso.

María José Nóvoa, directora de Saúde Mental A Mariña, agradece o apoio recibido por parte da Consellería de Fomento do Emprego e Igualdade, nomeadamente da Conselleira María Jesús Somoza e da Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella; para levar a cabo este proxecto que cubre unha necesidade que ata o momento estaba desatendida.

Dende Saúde Mental FEAFES Galicia e a asociación Saúde Mental A Mariña, queren aproveitar este 25 de novembro para reivindicar os dereitos e as necesidades específicas das mulleres vítimas de violencia de xénero que teñen ademais algún problema de saúde mental.

Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995 coa misión de representar e defender os dereitos e necesidades das persoas con problemas de saúde mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a mellora da calidade de vida destas persoas e das súas familias. Actualmente agrupa a 12 asociacións repartidas por toda a comunidade galega con centros e servizos en preto de 30 localidades.

Saúde Mental A Mariña é unha asociación de ámbito autonómico que traballa na mariña lucense, fundada en 1999 por familias que uniron os seus esforzos para loitar por un obxectivo común: que as persoas con problemas de saúde mental e as súas familias reciban unha axuda e asistencia continuada, buscando a súa integración na sociedade e logrando a súa rehabilitación psicosocial e laboral. Actualmente conta cunha unidade residencial en Cervo, tres centros de rehabilitación psicosocial e laboral en Burela, Ribadeo e Viveiro, e varias vivendas protexidas. Ademais, está traballando arreo para conseguir poñer en marcha un centro de día e unha nova unidade residencial e en Cervo.

Exit mobile version