A tenente alcalde Dolores García Caramés e o edil de Turismo, David Rodríguez, acompañaron aos pequenos na actividade divulgativa dirixida polos arqueólogos David González e Jesús García
Máis de 80 nenos/as do CEIP Península da Paz e do CEIP de Cervo, participaron na actividade divulgativa dirixida polos arqueólogos David González e Jesús García, acompañados pola tenente alcalde Dolores García Caramés e polo edil de Turismo, David Rodríguez, que quixeron agradecer unha vez máis a Mariña Patrimonio esta oportunidade “que nos permite achegarnos un pouquiño máis ao modo de vida dos nosos antepasados a través dunha investigación pioneira non invasiva nunha contorna excepcional”.
Para facer viable este traballo preliminar –explicaron- desde o Concello de Cervo mobilizamos todos os medios necesarios para despexar toda a contorna de vexetación “limpando, baixo a supervisión dos arqueólogos, preto de 2 hectáreas de monte” o que xa permite agora facernos unha idea, tal e como explicaron, do interesante perfil do castro e das súas características como sistema defensivo “dadas as boas condicións de preservación” deste xacemento “que é un lugar con historia en si mesmo, con moita tradición oral e que forma parte tamén da memoria colectiva”.
Esta tarde, ás 16:30 horas está prevista unha nova actividade divulgativa aberta ao público, á que convidamos a asistir desde o Concello “porque tal e como nos avanzaron os expertos, as excelentes condicións de preservación do castro fan que a súa historia e os traballos que se realizan in situ sexan sinxelos de entender para o público en xeral”