Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo réndese ás luras do 25 ao 27 deste mes

Ribadeo, 16 de novembro de 2022. As primeiras Xornadas de Exaltación da Lura terán lugar en Ribadeo do 25 ao 27 de novembro. Están organizadas por Acisa e contan co financiamento da Área de Medio Rural e do Mar da Deputación. Participan 20 locais hostaleiros. O evento gastronómico foi presentado esta mañá.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, contou que “do 25 ao 27 de novembro terán lugar as Xornadas Gastronómicas de Exaltación da Lura nas que participarán 20 locais hostaleiros de Ribadeo, que van ofrecer tapas e pratos preparados con este produto”.

Cruzado indicou que “grazas ao financiamento da Área de Medio Rural e do Mar da Deputación puidemos desde Acisa organizar estas xornadas e mercar 250 quilos de lura, que imos distribuír de xeito gratuíto entre os bares, mesóns e restaurantes. Cada un vai recibir 12 quilos e medio. As diferentes elaboracións poderán atoparse nas redes sociais de Acisa uns días antes da celebración das Xornadas Gastronómicas de Exaltación da Lura, para que se poidan consultar e coñecer as propostas de cada local. Son 20 establecementos, dos que 15 están na vila de Ribadeo, 2 no porto deportivo, 2 en Rinlo e 1 en Covelas, co que espallamos esta cita gastronómica polas parroquias nas que tamén temos asociados de hostalería”.

A presidenta da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos subliñou que “esta é a primeira vez que desde Acisa regalamos materia prima para a elaboración das tapas e dos pratos ás nosas asociadas e asociados. O que pretendemos deste xeito é aforrarlles custes”.

Carmen Cruzado dixo que “con estas xornadas o que pretendemos é botar unha man e axudar á dinamización do sector hostaleiro en tempada baixa”. E animou “á veciñanza de Ribadeo e a de toda a contorna, tanto galega como asturiana, a saborear as diferentes preparacións elaboradas con lura que atoparán na hostalería local. Agardamos desde Acisa que sexa unha fin de semana de movemento en Ribadeo”.

Pola súa banda, a deputada provincial responsable de Área de Medio Rural e do Mar, Mónica Freire, manifestou que “a Área de Medio Rural e do Mar da Deputación de lugo colaborará con Acisa para a organización das Xornadas Gastronómicas de Exaltación da Lura, que se celebrarán do 25 ao 27 de novembro en Ribadeo”.

Freire Rancaño sinalou: “trátase da primeira edición desta cita gastronómica, na que a hostalaría ribadense ofrecerá pratos, menús ou tapas coa lura como ingrediente principal. A través da colaboración da área provincial, Acisa distribuirá entre os locais participantes un total de 250 quilogramos de produto para preparar as receitas”.

A deputada Mónica Freire sinalou que “a iniciativa pretende poñer en valor o produto de proximidade e do mar, cun ingrediente popular, moi demando na restauración” e destacou tamén “que as xornadas contribúen a dinamizar a hostalaría nun mes de menor actividade que a rexistrada noutros momentos do ano, e especialmente delicado para o sector polo prezo da luz e doutros subministros”.

A responsable da Área de Medio Rural e do Mar indicou que “a esta actividade a Área de Medio Rural e do Mar achegará 5.000 euros para o financiamento das xornadas”.

Os locais participantes son: Bar Queimada, Galipizza, Bar Galicia, O Lar de Manolo, El Rincón del Gordo, La Quinta, A Horta de San Roque, Delicatés, O Indiano, La Solana, Rosalar, Cienfuegos, A Mirandilla, La Bugalla, Bar Portillo, Restaurante Javier Montero, O Alén, La Lira, San Miguel y Casa Domingo.

Ao acto de presentación acudiron algúns dos hostaleiros participantes, a deputada Mónica Freire, o alcalde, Fernando Suárez, o concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, e o xerente do colectivo empresarial, Jesús Pérez.

Exit mobile version